Hugo Santiago

Hugo Santiago

(Bos Aires, 1939). Cultivou un cinema vangardista e experimental, caracterizado pola súa profundidade e rebeldía. É considerado un director de culto, autor dunha filmografía influínte e secreta. Estudou Filosofía e Literatura na Universidade de Bos Aires, onde coñeceu a Jorge Luis Borges. En 1959 obtivo unha bolsa do Fondo Nacional das Artes e viaxou a París, onde foi sete anos asistente e discípulo de Robert Bresson. En 1961 pon en escea L’Histoire du Soldat (Festival Stravinski, Xenebra).

Realiza, en Arxentina, dúas curtametraxes: Los contrabandistas con Federido Luppi (1967), e Los taitas con Lito Cruz e Martín Adjemián (1968). A finais da década dos 70 realizou Invasión, con guión orixinal de Borges e Adolfo Bioy Casares, considerado por boa parte da crítica o mellor filme da historia do cinema arxentino. Radicado en Francia, volveu colaborar con Borges e Bioy en Les autres (1974), a historia dun home que perde o seu fillo e é arrastrado a unha serie de metamorfoses cando procura descubrir as causas desa morte. En Écoute voir (1979), Catherine Deneuve interpreta unha sorte de Philip Marlowe en versión feminina que se ve envolta nunha trama delirante de seitas e modernas tecnoloxías.

Les Trottoirs de Saturne (1985, con guión do escritor arxentino Juan José Saer) retoma a saga de Invasión na historia dun tangueiro de Aquilea exiliado en París.  

Desde mediados dos anos 80, Santiago dedícase case exclusivamente á realización do que el mesmo denomina “obxectos audiovisuais”. Non se trata de documentais no senso convencional. No cinema aproxímase a unha obra preexistente sabendo que pola súa natureza cerimonial é irreproducible.

A fábula dos continentes (1992), ópera cinematográfica composta en colaboración con Georges Aperghiss, é un filme radical, onde o cinema, a ópera e a novela de aventuras se asocian para facer xurdir un novo xénero.

Nos anos seguintes a súa atención concentrouse nunha serie singular de “documentais de arte”. En 2013, volveu á súa Bos Aires natal para rodar El cielo del Centauro, escrita canda a Mariano Llinás.