Jeannette Muñoz

Jeannette Muñoz

Jeannette Muñoz é unha cineasta chilena afincada en Zürich. Os seus envíos son unha serie de mensaxes dirixidas a cineastas, familiares e amigos, lanzados ao correo en caixas de cartón e non sempre coa fin de ser proxectados; conteñen momentos compartidos, miradas fugaces sobre a paisaxe ou pensamentos que un lugar ou unha luz determinada trae a Jeannette a lembranza dunha persoa; cada plano dura o que dura unha chiscadela, ou tanto como unha abstracción. Un envío é “súbito, efémero, enigmático”. É “mudo, curto, particular”. É unha “aventura”, “vólvese un mundo”, é “inconcluso”, “segue e segue”.

Este diálogo silencioso entre a artista e os seus destinatarios entronca cunha tradición do cine de correspondencias, o diario íntimo e as meditacións sobre a natureza, á que Muñoz chega de forma intuitiva logo de experimentar coa fotografía analóxica. Xa que no cine traballa o sentimento do lugar e as súas implicacións históricas a partir da textura e o movemento na liña de autores como Robert Beavers, Ute Aurand ou Helga Fanderl, todos eles, amigos receptores de varios destes envíos nos que resoa tamén o cinema de Margaret Tait, Babette Mangolte e Narcisa Hirsch.

En Villatalla, Jeannette camiña polos bosques e calellas dunha aldea italiana detida no tempo. O son irrompe por primeira vez para suxerir a idea de que de súpeto, todo o que a rodeaba parecía falar ao mesmo tempo: os paxaros, as plantas, os insectos… nunha sorte de trance anestesiante entre o home e a natureza.

Puchuncaví (onde as festas rematan) reúne fragmentos dun lugar transformado ao longo dos séculos; antiga vía inca, pasou logo a mans de españois e chilenos que a converteron en balneario (durante o goberno de Allende), campo de concentración (durante a ditadura de Pinochet), e finalmente, zona industrial e de vacacións. En cada un dos bloques que conforman esta idea de último lugar ao final do camiño, Muñoz superpón as capas que enterran ou desvelan todos os lugares de Puchuncaví.

Sen principio nin final, as súas “películas-depósito” seguen ampliándose con novos fragmentos, como estratos que se van acumulando. “O teu cine é como unha pedra sacada da montaña”, díxolle a Jeannette Ute Aurand, unha obra viva e inacabada que se resiste a encerrarse nun só tempo.

Andrea Franco, curadora do foco