Encontros profesionais, masterclass, inicio de Áncora e estrea galega de Dhogs para esta xornada do OUFF

Encontros profesionais, masterclass, inicio de Áncora e estrea galega de Dhogs para esta xornada do OUFF
21/10/2017 ouff

Trala Gala Inaugural de onte á noite, o Festival de Cine Internacional de Ourense comezou hoxe, sábado 21, coa súa programación estable de actividades e proxeccións. A xornada inaugurouse co inicio do III Encontro Profesional de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia no Liceo de Ourense. Esta xuntanza entre empresas produtoras galegas a portuguesas, organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) en colaboración co Instituto de Cinema e do Audiovisual (ICA) de Portugal, posibilita cada ano o contacto directo dos creadores con posibles socios estratéxicos na coprodución de proxectos audiovisuais. Nesta ocasión, as empresas participantes foton quince galegas e trece portuguesas, tal e como apuntou o Alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Jacobo Sutil, director da AGADIC, tamén quixo lembrar que froito destes encontros profesionais xa xurdiron anteriormente proxectos como Vidago Palace (de HOP! e Portocabo) ou Día de Mortos (de Ficción Producciones, EMC e Lightbox).

Ao mesmo tempo, no Auditorio Municipal, daba comezo a primeira edición de ÁNCORA, o foro de posprodución para longametaxes en proceso avanzado do OUFF. Nesta primeira xornada presentaron os seus proxectos ante os comité asesor formado por Martin Pawley, Ana Isabel Strindberg e Marilia Rocha o cineasta Alberto Gracia (Eco) e a cineasta Diana Toucedo (Puerto Deseado). Mañá será a quenda de Eloy Domínguez Serén, que presentará Hamada, e Tiago Hespanha, que fará o mesmo con Campo. Os asesores aconsellarán aos cineastas e serán os encargados de elixir que os filmes que levarán os premios dos que ÁNCORA fai entrega: o Premio Cinemar Films (premio de posprodución de Son en Cinemar Films valorado en 7.000 €) e o Premio NUMAX (premio de posprodución de imaxe no Laboratorio NUMAX, valorado en 4.000€).

Por outra banda, a formación tamén volveu ser punto importante da xornada ao impartirse a Masterclass de efectos especiais físicos de Federico Ransenberg no Centro de Innovación Social Digital La Molinera. O propio Ransenberg repasou os distintos tipos de efectos especiais físicos, ofrecéndolles á vintena de persoas asistentes ferramentas para avaliar os efectos, tanto dende o punto de vista técnico como no relativo a dirección, produción ou iluminación.

 

Proxeccións da tarde

A partir da tarde, comezarán as proxeccións dos filmes nos Cines Pontevella e o Auditorio Municipal. É o caso de Dhogs, que terá a súa estrea galega ás 17h00 no Auditorio. No filme, mentres un estraño personaxe cruza as rúas da cidade ao volante dun taxi, no bar dun luxoso hotel está Alex, unha muller que goza dunha última copa, inconsciente dos sucesos que a sobrepasarán nas próximas horas. Unha fugaz aventura cun executivo levaráa a unha espiral de violencia sen sentido aparente, obrigándoa a percorrer unha senda de sufrimento fóra do seu control.

Andrés Goteira, o director da película, contou esta mesma mañá en rolda de prensa no Centro Comercial PonteVella que se trata dun filme no que tratou de “xogar co espectador, cos personaxes e coas atmosferas”, feito co que concordou Antonio Durán “Morris”, actor, ao apuntar que “Andrés e esta película explotan ao máximo os planos e o desacougo do espectador en cada secuencia”. Na presentación tamén estiveron presentes parte do equipo técnico e o elenco de Dhogs como Melania Cruz, Antonio Durán “Morris), Carlos Blanco, Iván Marcos, Xosé López, Enrique Lojo e María Costas.

Ademais, esta mesma tarde entro do marco do festival tarán lugar as proxeccións de A cidade onde envelheço (17:00. Cines Ourense PonteVella-Galicine. Asiste Marília Rocha, directora); Vermelho russo (19:30. Cines Ourense PonteVella-Galicine. Asiste Charly Braun, director); Balnearios (19:30. Cineclube Padre Feijoo. Asiste Mariano Llinás, director); Señorita María, la falda de la montaña (22:15. Cines Ourense PonteVella-Galicine. Asiste Rubén Mendoza, director); e Trinta lumes (WIP), asiste Diana Toucedo, directora). A xornada finalizará co concerto gratuíto de Puma Pumku en El Pueblo Café Cultural.