Federico Ransenberg impartirá no OUFF unha masterclass de efectos especiais físicos para adultos

Federico Ransenberg impartirá no OUFF unha masterclass de efectos especiais físicos para adultos
22/09/2017 ouff
  • As persoas interesadas en asistir á formación xa poden solicitar a formalización da súa inscrición a través de formacion@ouff.org.
  • Ransenberg será tamén o docente dun obradoiro de efectos especiais para nenos e nenas que se enmarcará dentro do OUFF Escola, a parte do festival adicada aos máis pequenos da casa.
  • Ao mesmo tempo, o Museo Municipal, acollerá a exposición “Xoguetes de Cine”, integrada por antigos xoguetes cinematográficos do século XIX reformulados con tecnoloxía actual.

 

Federico Ransenberg, profesional do sector audiovisual coñecido polo seu traballo de efectos especiais en filmes como Cien años de perdón ou Relatos Salvajes, impartirá no Festival de Cine Internacional de Ourense unha masterclass de de SPFX físicos para adultos. O obradoiro, concibido para profesionais e estudantes do medio cinematográfico, será gratuíto e desenvolverase o próximo sábado 21 de outubro en La Molinera (Ourense).

Nel, Ransenberg fará un repaso polos tipos de efectos especiais físicos que existen a través dos visionado de fragmentos de películas analizará a súa creación. O obxectivo do docente é ofrecerlle aos asistentes ferramentas para avaliar os efectos especiais, tanto dende o punto de vista técnico coma no relativo a outras áreas como a dirección, a realización, a iluminación, a arte ou a produción. Os interesados e interesadas en asistir poden solicitar xa mesmo a formalización da súa inscrición (que será por orde de petición) enviando un correo a formacion@ouff.org

[+ INFO SOBRE A MASTERCLASS]

 

Obradoiros do OUFF Escola e “Xoguetes de cine”

Alén disto, o OUFF Escola tamén ofertará outras actividades formativas para os máis novos. Os nosos cineastas do futuro poderán aprender que é un efecto especial e a importancia do punto de vista e os recursos cinematográficos á hora de crealos, a levar a cabo unha curtametraxe ou adentrarse no mundo da dobraxe audiovisual.

Ademais, o Museo Municipal de Ourense (Lepanto, nº 8) acollerá a partir do próximo 19 de outubro a exposición “Xoguetes de cine”, comisariada tamén por Rasenberg. A exposición estará integrada por obxectos baseados en antigos xoguetes cinematográficos do século XIX reformulados con tecnoloxía actual. Na mostra, o creador proporá a “reelaboración de dous tipos de zootropos e fontes máxicas que permitirán o visionado simultáneo a múltiples espectadores en visión de 360º”.