O asturiano Fran Gayo farase cargo da dirección artística do Festival de Cine Internacional de Ourense

O asturiano Fran Gayo farase cargo da dirección artística do Festival de Cine Internacional de Ourense
09/05/2016 ouff

 

  • Foi programador do Festival de Cine FicXixón, durante 12 anos, e do BAFICI de Bos Aires, desde 2013 até o de hoxe
  • Asume o reto coa ilusión de contaxiarlle ao público de Ourense a súa “curiosidade, capacidade de sorprenderse e de aprender”, así como de botar luz sobre novas formas, novos cineastas ou directores que, por un ou por outro motivo, permanecen na sombra.

 

Ourense, 9 de maio de 2016

O asturiano Fran Gayo (Xixón, 1970) dirixirá o 21 Festival de Cine Internacional de Ourense, que terá lugar do 28 de outubro ao 5 de novembro. Programador en certames coma o FicXixón ou o BAFICI de Bos Aires, ao que chegou en 2010, Gayo asume o reto de contaxiarlle ao público de Ourense a súa curiosidade polas novas tendencias cinematográficas do concerto internacional, especialmente do ámbito iberoamericano, sobre o que se porá o foco na presente edición do OUFF.

 

As conversas entre o Concello e o programador do BAFICI, que asesorou a redacción das bases do presente ano, chegaron a bo termo e Fran Gayo vén de aceptar o reto da dirección artística convencido da paixón que existe polo cine na cidade. O novo director farase cargo, polo tanto, do deseño do festival e do rumbo da programación, mentres que a xestión económica ou a busca de patrocinios, amais doutras tarefas administrativas, seguirá facéndose desde o departamento de Cultura. O novo director viaxará en vindeiras datas desde Bos Aires a Ourense para tomar as rendas dun proceso que xa se iniciou coa apertura da inscrición de películas (até o 18 de agosto).

 

Se hai un motor que me moveu de forma fundamental desde que comecei a traballar como programador en 1997”, comenta Gayo, ese é sen dúbida a curiosidade, o afán por sorprenderme e por aprender, por atopar novas formas, novos cineastas ou directores que por un ou por outro motivo permanecían na sombra, e logo dar a coñecer os seus nomes”.

 

O 21OUFF, sen deixar de lado a súa vocación por amosar unha escolla das producións cinematográficas e audiovisuais máis innovadoras, pretende darlle a alternativa á importante canteira de cineastas de ambos lados do Atlántico. “Nese sentido paréceme que planear dúas competicións, unha para o cine iberoamericano e outra exclusiva para óperas primas, é un bo punto de partida para intentar contaxiarlle ao público do OUFF esa curiosidade e esa necesidade de sorprenderse”, conclúe.

 

Breves referencias biográficas

Fran Gayo é licenciado en Filoloxía Hispánica, disciplina na que se especializa en Literatura Española. En 1997 faise cargo da programación do Festival Internacional de Cine de Gijón / FicXixón, responsabilidade que exerce até 2009, período que coincide coa consolidación do certame como referente cultural da rexión e que mobiliza anualmente máis de 70.000 espectadores.

 

En 2010 cambia a súa cidade de berce por Bos Aires para ocuparse da produción artística do BAFICI (Festival Internacional de Cine Independente de Bos Aires), pasando en 2013 a ser programador do mesmo.

 

Na súa etapa bonaerense é tamén programador de tres edicións do BAFICI Animado e doutras tantas do festival de animación EXPOTOONS. Ademais, é responsable da programación da primeira edición da mostra Espanoramas, organizada pola Oficina Cultural da Embaixada de España en Bos Aires xunto ao ICAA e ao CCEBA en marzo de 2015. Tamén en Arxentina, traballa como comprador de contidos internacionais para a plataforma de vídeo baixo demanda (vod) QUBIT.TV entre 2011 e 2015.

 

Paralelamente, é programador das actividades de cine do Centro Niemeyer de Asturias (desde 2012) e formou parte do xurado de festivais internacionais coma os de Donostia-San Sebastián, Valdivia, FestiFreak en La Plata ou o Transcinema de Lima.

 

Combina a súa paixón polo cine coa escritura, colaborando con medios escritos como Público, Rockdelux, Letras de Cine, El Amante o El Caimán, ademais de participar en estudos monográficos como Miradas para un nuevo milenio: Fragmentos para una historia futura del cine español, Cine argentino 99-08 ou Signal Fires: el cine de Jem Cohen.