“A metade da vida”, a única película en galego dos 90, estrea versión no OUFF

  • O director Raúl Veiga presenta a versión remasterizada de “A metade da vida” que se estrena na 25 edición do Festival de Cine de Ourense
  • “ Agora a película está na súa verdadeira forma”, afirmou
  • A proxección terá lugar hoxe ás 20.30 horas no Teatro Principal

 

O director Raúl Veiga presentou  no Centro Cultural Marcos Valcárcel a nova versión da súa película “A metade da vida”, o único filme rodado en galego na década dos 90. A estrea desta versión remasterizada terá lugar esta noite ás 20:30 horas no Teatro Principal.

“Esta foi a miña primeira película que fixen alá polo ano 94 e estaba orgulloso dela pero había aspectos que me desgustaban un pouco e quería cambiar, por iso no 2005 empecei a traballar para facer esta nova versión” afirmou Raúl Veiga. “Para min, agora a película está na súa verdadeira forma” confirmou rotundamente.

O director falou sobre como se restarou por completo tanto a imaxe como o son do filme, polo que “o público poderá ver algo totalmente novo que espero que lles guste”. En 1994 “facer esta película foi unha ousadía” e ademais serviu de plataforma de lanzamento para “toda unha xeración de actores galegos que se inciaron no cinema con ela como María Bouzas, Ernesto Agra, Mela Casal ou Ernesto Chao”.

Para o actor de Ribadavia, falecido no 2018, tivo palabras de especial agarimo Raúl Veiga. “Ernesto Chao tivo unha humildade e paciencia únicas, dignas de admirar” dixo sobre o intérprete. O director tamén quixo agradecer “ao festival, a Miguel Anxo Fernández, César Silva e a Deputación, ademais de a todos os que colaboraron para facer posible esta reencarnación do filme”.

Versión “redux” do único filme galego dos 90

Estreada en outubro de 1994, “A metade da vida” foi o único filme galego do decenio. O equipo foi plenamente galego, dende o elenco ata técnicos, algo inusual na época. Agora, na súa versión reeditada chega ao Festival de Cine de Ourense. Con guión de Raúl Veiga, inspirado nun conto de Xosé Luís Méndez Ferrín, “A metade da vida” é a historia dun triángulo amoroso nunha cidade galega a finais dos oitenta. Os protagonistas son un músico de jazz chamado H. Eire, o seu amigo Pedro e a moza deste e amante do músico, Amalia. 

A peza que hoxe se reestrea no  OUFF (Teatro Principal, 20.00 horas) é unha versión restaurada e reeditada, con mudanzas na montaxe respecto da versión orixinal pensando nunha experiencia máis agradable para o espectador. Trátase dunha versión “redux” que acurta a duración da película facéndoa máis condensada pero mantendo o espíritu da orixinal. 

A reestrea quere servir de homenaxe a toda unha xeración de actores galegos que comezaban a súa carreira tales como María Bouzas (que recibiu no último OUFF o Premio a toda unha traxectoria da Fundación AISGE), Evaristo Calvo e Alfonso Agra, que dan vida ao trío protagonista, xunto con Mela Casal, Isabel Vallejo e Ernesto Chao.