A preparación dos últimos detalles e da gala de inauguración centra a xornada previa ao inicio do 26 OUFF

  • Dende hoxe estará instalado o stand do festival na rúa do Paseo

  • As rodaxes de Fas Muvis iniciaranse mañá á vez que dea comezo o OUFF

  • Na gala de inauguración entregaranse catro premios ademais de presentar mundialmente Malencolía e contar coa actuación de Cómplices

 

Ourense, 23 de setembro – As estrelas xa comezan a brillar en Ourense. Polas rúas comeza a respirarse ambiente de cine e xa están colocadas as míticas estrelas que anuncian que o OUFF (Ourense Film Festival) está a piques de subir o telón. Mañá empeza a 26 edición do certame e os últimos detalles centran a xornada previa de toda a organización.

Porque ademais do equipo máis técnico, a familia do OUFF fórmana moitas persoas máis. Uns deles e que son imprescindibles para que todo saia ben son os voluntarios que nos acompañan cada ano e que dende hoxe xa estarán colaborando para ter todo listo nas tres sedes principais do festival: o centro comercial Ponte Vella, o Cineclube Padre Feijoo e o Teatro Principal. Estes puntos, xunto co Centro Cultural Marcos Valcárcel, centrarán toda a acción destes 10 días de cine. 

Pero hai máis. Como en edicións anteriores, volverá haber un punto de información na rúa do Paseo para poder atender directamente as preguntas e dúbidas de todos os ourensáns e ourensás. A cidade tiña ganas de OUFF, como se está a notar na venta anticipada das entradas para Sección Oficial e Inédito en Ourense na web de Galicine. Títulos como Benedetta ou Eles transportan a morte están a espertar gran interese entre o público.

Outra parte desta gran familia, e que volve con nós por cuarto ano, é o de Fas Muvis. Mañá a partir das 18 horas comeza a súa conta atrás para rodar unha curta por Ourense. Diferentes localizacións repartidas por toda a cidade servirán como prató de cine aos seis equipos participantes, conseguindo darlle máis ambiente cinematográfico á cidade das Burgas.

Unha gala chea de emocións

A gala inaugural comezará ás 20:30 horas no Auditorio. Malia que contará con sorpresas que inda non podemos desvelar, podemos adiantar que será un evento moi emotivo. Non todos os días se entregan catro premios a importantes representantes do mundo do cinema. Sobre as táboas desfilarán Leonor Silveira, Calpurnia de Honra Internacional, Luma Gómez, Premio Fundación AISGE a toda unha traxectoria, Alfonso Blanco ‘Fosco’, Premio OUFF Ourense, e Beli Martínez, Premio OUFF Chano Piñeiro. 

Lucía Álvarez repetirá como mestra de cerimonias, tras presentar a clausura do 25 aniversario. Algúns dos outros puntos fortes da gala de apertura serán as homenaxes a Berlanga e a Fernando Fernán Gómez polos centenarios dos seus nacementos, a actuación musical do dúo Cómplices e a estrea mundial de Malencolía, que presentarán aos espectadores alí presentes o director Alfonso Zarauza e todo o equipo da película rodada en Ourense. 

E así, comeza a conta atrás para o #26OUFF.