A preseleccionada ao Oscar Alauda Ruiz de Azúa recibirá o Premio Eduardo Barreiros do 27º OUFF

O Festival de Cine de Ourense, que terá lugar entre o 23 de setembro e o 1 de outubro de 2022, entrega cada ano o Premio Eduardo Barreiros á mellor primeira ou segunda longametraxe de ficción do cine español do último ano. Nesta edición o premio recaeu en Cinco lobitos, de Alauda Ruiz de Azúa, filme preseleccionado a representar a España nos Premios Oscar xunto a Alcarràs, de Carla Simón, e  As bestas, de Rodrigo Sorogoyen. A cineasta recollerá o premio nun acto público que terá lugar o 24 de setembro no Teatro Principal de Ourense e que contará tamén coa proxección do filme.

Alauda Ruiz de Azúa (Barakaldo, 1978) estudou Comunicación Audiovisual e Filoloxía inglesa no País Vasco. Tras licenciarse, mudouse a Madrid onde se graduou en Dirección de cinema na ECAM en 2005. O seu traballo de fin de diplomatura, Clases particulares, supuxo un exitoso debut no mundo da curtametraxe obtendo máis de 30 premios. Despois da escola, traballou como asistente de dirección e script, ata que deu o salto á realización publicitaria en 2007. Ata o día de hoxe compaxinou a súa carreira publicitaria cos seus traballos máis persoais en formato de curtametraxe (Nena, Dicen ou Lo importante) participando en máis de 400 festivais estatais e internacionais e obtendo máis de 100 premios. Cinco lobitos é a súa primeira longametraxe como guionista e directora.

‘Cinco lobitos’: un relato sobre a maternidade

A ópera prima de Alauda Ruiz de Azúa, Cinco lobitos, que se poderá ver nesta edición do Festival de Cine de Ourense, presentouse na sección Panorama do Festival de Berlin e foi a gran triunfadora da do último Festival de Málaga, facéndose coa Biznaga de Ouro a Mellor Película, Mellor Actriz (Laia Costa e Susi Sánchez, exaequo), Mellor Guión, Premio do Público e Premio do Xurado Novo.

No filme, Amaia (Laia Costa) acaba de ser nai e dáse de conta de que non sabe moi ben como selo. Ao ausentarse a súa parella por traballo unhas semanas, decide volver a casa dos seus pais, situada nun bonito pobo costeiro do País Vasco, e así compartir a responsabilidade de coidar ao seu bebé. O que non sabe Amaia é que, aínda que agora sexa nai, non deixará de ser filla. Os roles na familia dan a volta cambiando as súas relacións para sempre.

Eduardo Barreiros: empresario e emprendedor ourensán

Este premio ás primeiras e segundas obras de cineastas leva o nome de Eduardo Barreiros que, considerado unha das figuras fundamentais do motor en España, comenzou a súa vida profesional nun pequeno taller en Ourense e foi capaz de levantar un gran complexo industrial empresarial que contribuiu decisivamente á motorización de España. É coñecido pola transformación patentada de motores gasolina a diésel e pola posterior fabricación de camións e vehículos industriais baixo a marca Barreiros.