A Xove Orquestra Ourensanía enche de música e cine o Auditorio Municipal de Ourense cunha homenaxe á banda sonora de Star Wars

Público de todas as idades gozou este domingo dunha das bandas sonoras máis icónicas da historia do cinema. Entre batallas de espadas láser e naves espaciais a Xove Orquestra Ourensanía presentou no Auditorio Municipal de Ourense a súa homenaxe aos filmes de Star Wars e ao compositor da banda sonora, John Williams. Non quedou unha butaca libre para ver o espectáculo dirixido por Jose Luís Tielas. Con mozos e mozas instrumentistas de toda a provincia -a única con esta característica- a orquestra sinfónica, creada en 2021, fixo as delicias de todo o público. O espectáculo forma parte da programación do Ourense Film Festival (OUFF) dende a creación da orquestra que xa naceu vinculada ao cinema, pois a súa estrea foi durante a gala dos Premios Mestre Mateo, tamén no Auditorio Municipal. 

 

No marco do festival de cine, esta mañá continuaron as presentacións de OUFF LAB, esta vez da man do multipremiado Andrés Goteira, que volve a contar co mesmo equipo de Dhogs (2017) para dentrarse no mundo do medo e fantasía. O director lucense presentou a súa esperada nova película Monstro, acompañado dos produtores Alberto Días e Laura Doval, así como do recoñecido actor galego Antonio Durán “Morris”, que será o protagonista do filme que despois de catro anos de preprodución comezará a rodaxe en abril. “Monstro conta a necesidade que temos na madurez de conectar coa fantasía”, explicou Goteira, quen firmará unha película autoral na que o protagonista “atopará na fantasía unha forma de darlle sentido á vida”. Morris interpretará a un home que “se rencontra co seu pasado para loitar contra os seus medos e angustias”, segundo explicou o actor. A produción do filme está da man de Gaitafilms.

 

Durante a tarde as salas de cine da cidade enchéronse de espectadores para gozar dunha selección de películas que trae a Ourense estreas do mellor do cinema mundial. Dende Portugal chegou o cineasta André Marques, para presentar o filme “O bêbado”, que se estrea por primeira vez en España formando parte da Sección Oficial Internacional do OUFF. Marques tamén estará o luns ás 19:30 na proxección da película nos cines Ponte Vella, para conversar cos asistentes. 

 

Da Sección Oficial Panorama Galicia, presentáronse Adolfo Domínguez: El eco de otras voces, con parte do equipo do filme e Buscando á Santa Compaña, da man do seu director Fernando Cortizo. Ademáis, dentro das Seccións Especiais, Aser Álvarez introduciu Pretérito imperfecto, en lembranza a Plácido Romero.

 

Aberto o prazo de solicitude para asistir á gala de clausura o venres 4 de outubro no Auditorio Municipal

 

O OUFF pechará a súa 29º edición o próximo venres 4 de outubro, nunha gala na que se entregarán os premios da Sección Oficial Internacional e a Sección Oficial Panorama Galicia e outros recoñecementos como a Calpurnia de Honra ao director Rodrigo Cortés. Ademáis, a cantante Guadi Galego será a encargada de dar o toque musical e a noite rematará coa proxección do filme “Marco” de Aitor Arregi e Jon Garaño. A gala será ás 20:30h no Auditorio Municipal de Ourense.

 

As personas interesadas en acudir a esta noite de cine teñen que confirmar asistencia no correo electrónico 29ourensefilmestival@gmail.com ou no teléfono 604 003 010. Será necesario indicar o número de entradas e o nome das persoas que acudirán á gala. 

 

As entradas para asistir ás proxeccións xa se poden mercar en https://www.galicine.com/ouff  -para as películas que se presentan nos cines Ponte Vella- e para o resto de eventos e filmes en https://entradas.ataquilla.com/es/ventaentradas/resultados-busqueda?query=OUFF

 

O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo co patrocinio principal da Deputación de Ourense e o apoio da  Xunta de Galicia.