A actriz Luma Gómez recibirá o Premio de Honra da Fundación AISGE durante o 26 OUFF

  • A veterana intérprete participou en máis de cincuenta montaxes teatrais ademais de en varias series televisivas, películas e curtametraxes ao longo da súa carreira

  • “Este recoñecemento significa moito para min por un traballo que amo e que move a miña vida” afirmou a actriz ferrolá

Ourense, 9 de setembro A nova edición do Ourense Film Festival (OUFF)que se desenvolverá entre o 24 de setembro e o 2 de outubro, organizado pola Fundación Carlos Velo co apoio principal da Deputación de Ourense, será o escenario no que a actriz galega Luma Gómez reciba o Premio de Honra a toda unha traxectoria da Fundación AISGE en recoñecemento a súa ampla traxectoria no mundo da interpretación. Coa entrega deste galardón un ano máis, a Fundación AISGE renova o seu compromiso de máis de quince anos co certame ourensá. Nas últimas edicións, o premio entregado no OUFF recaeu nas figuras de Mabel Rivera (2018), María Bouzas (2019) e Rosa Álvarez (2021). Luma Gómez foi unha das figuras pioneiras da interpretación en Galicia retratadas polo fotógrafo Xulio Gil na exposición organizada polo OUFF en 2018 “O retrato maior do noso cine”

A actriz ferrolá, moi emocionada ao enterarse, deu as grazas “tanto a fundación como o festival por este premio tan importante como inesperado. Este recoñecemento significa moito para min por un traballo que amo e que move a miña vida”. Isabel Blanco, delegada da Fundación AISGE en Galicia explica a concesión deste premio a Luma Gómez, porque a actriz representa a máis pura nobreza do teatro galego, sendo unha dama da escena, que deixa unha estela moi importante no seu percorrido vital, sendo unha actriz polivalente ao longo do tempo, mostrando ademáis a súa veteranía na ficción tanto como actriz de imaxe en series de televisión, en películas de prestixio, como na dobraxe en calidade de actriz de voz.

“A memoria é o noso valor máis prezado e neste exercicio de memoria, a entidade quere recoñecer a súa valía ata aquí, mentres seguimos gozando da súa mestría e das súas interpretacións sobre o escenario” afirma Blanco, que tamén quixo desexarlle que “acepte e goce deste premio tan merecido e que con tanto agarimo se lle entrega, e que valorarán tanto o seu público, como os seus compañeiros e compañeiras de profesión. Ademáis agradecémoslle ao OUFF, que nos permita visibilizar como se merece o premio, colocando o foco sobre el, nunha gala única do noso cine a día de hoxe en Galicia.”

Unha vida sobre as táboas

Luma Gómez é unha actriz e directora ferrolá que conta con máis de cincuenta montaxes teatrais nas súas costas e con ducias de interpretacións no cine e na televisión. Sobre as táboas, destaca en obras como Os vellos non deben de namorarse, de A.R.Castelao, O enfermo imaxinario, de Moliere, Un soño de verán, de W. Shakespeare, Las Galas del difunto, de Ramón María del Valle Inclán, Eu estaba na casa e agardaba que viñese a chuvia, de Jean-Luc Lagarce co Centro Dramático Galego ou en A grande noite de Fiz, de Miguel A. Murado, Noite de Reis, de W. Shakespeare, Unha rosa é unha rosa (Unha comedia de medo), de Suso de Toro, Glass City (Ciudad de cristal), de Eduardo Alonso, ou Historias peregrinas, de Miguel Anxo Murado, con Teatro do Noroeste.

No mundo do cinema participou en varias curtametraxes e en seis longametraxes destacando nos seus papeis de Marica da fame, a coprotagonista de El bosque animado (1997) de Cuerda, en Urxa de Carlos Piñeiro y Alfredo Pinal (1989) sendo a propia Urxa, ademais de como María Soliña na película La pasión de María Soliña (2011), de Emilio Fernández e Alfonso Castaño. Na televisión puidemola ver en series como Celia (1991) de TVE dirixida por de José Luis Cuerda e José Luis Borau e en varias ficcións da TVG como Servicio de Urxencias, Pratos Combinados, A familia Pita e A Escoba.