A Sección Oficial do OUFF recibe máis de 500 traballos, dos que seleccionará 12

Sección Oficial OUFF
  • “O que arde”, “Parásitos”, “The bra” e “La odisea de los giles” son os primeiros títulos confirmados que aspirarán á Calpurnia á mellor película
  • A web do festival e as plataformas Festhome e Click Fest recibiron un total de 416 longametraxes
  • As obras presentadas para competir no OUFF 2019 proceden de máis de 70 países, cunha ampla representación de España e Latinoamérica

 

 

Máis de 500 películas aspiran a competir na Sección Oficial de longametraxes da 24ª edición do Festival Internacional de Cinema de Ourense (OUFF), que se celebrará do próximo 27 de setembro ao 5 de outubro. De todas elas, 416 enviáronse a través de la páxina web do festival (ouff.org) e das plataformas Festhome y Click Fest ata o pasado 15 de agosto, mentres que polo resto interesouse directamente a organización. A selección final que participará no certame e loitará por conseguir algún dos premios do OUFF, que suman un montante económico de 36.000 euros, constará de 12 títulos, dous máis que en 2018.

Entre os traballos xa seleccionados figuran películas premiadas en festivais como Cannes, Sundance, BAFICI e outras que vivirán en Ourense a súa estrea en España. “O que arde” (Oliver Laxe), o primeiro filme en galego presentado e premiado en Cannes; “The bra” (Veit Helmer), película muda con Paz Vega; “La odisea de los giles” (Sebastian Borensztein), último éxito do cinema arxentino protagonizado por Ricardo Darín; e “Parásitos” (Bong Joon-ho), gañadora da Palma de Ouro na certame gala, son os primeiros títulos confirmados que competirán pola Calpurnia á mellor película no OUFF 2019. 

Xéneros e temáticas diversas

A mayor parte das obras presentadas na Sección Oficial del OUFF 2019 son longametraxes de ficción, pero a organización tamén recibiu unha porcentaxe moi elevada de documentais. Os traballos abordan temáticas tan diversas como a inmigración, os conflitos sociais, a violencia de xénero, a educación, o medio ambiente ou a arte. 

España é o país de procedencia da maioría das longametraxes presentadas, con máis de 150 títulos, seguido de Alemaña, Arxentina e Brasil. Precisamente, de Latinoamérica recibiuse unha amplísima representación con, ademais dos citados, traballos de Perú, Venezuela, Colombia, Uruguai, México, Chile, Guatemala, República Dominicana, Ecuador ou O Salvador.  

Do resto do mundo chegaron títulos procedentes de países como Corea do Sur,Irán, Kósovo, Noruega, Camerún, Canadá, Turquía, Luxemburgo, Serbia, Israel, Italia, Francia, China, Australia, Exipto, Marrocos, Filipinas, Croacia, India, Estados Unidos, Eslovaquia, Ucraína, Holanda… e así ata alcanzar máis de 70 países. Como curiosidade, é a primeira vez que O Salvador, Birmania, Vanuatu, Ghana, Siria, Iraq, Senegal e Tailandia envían longametraxes para a súa proxección no festival

Así mesmo, aspiran a competir na Sección Oficial do OUFF 2019 unha ducia de traballos ambientados o producidos en Galicia. Nas próximas semanas iremos coñecendo cales son as 12 obras escollidas. Algúns dos títulos que queden fóra poderán verse igualmente no festival, xa que pasarán a formar parte dos ciclos temáticos que completarán a programación cinematográfica deste ano.

O Festival de Cinema Internacional de Ourense está organizado pola Deputación de Ourense co co-patrocinio da Xunta de Galicia, Concello de Ourense, ABANCA, GADIS e Fundación AISGE.