REGULAMENTO DA 25ª EDICIÓN DO FESTIVAL  INTERNACIONAL DE CINE DE OURENSE (OUFF) PARA A COMPETICIÓN DE CURTAMETRAXES 

1.- Obxecto do concurso:

  • É obxecto desta convocatoria estimular o formato da curtametraxe no ámbito da Comunidade Autónoma Galega como expresión básica da creación audiovisual.
  • As curtametraxes presentadas deberán estar realizadas en Galicia ou dirixidas por unha persoa galega. É preciso indicar e demostrar na inscrición cal destes aspectos cumpre a obra presentada a concurso.
  • A data de estrea das pezas que se presenten a concurso, en caso de teren sido xa estreadas, non poderá ser anterior ao 2019. Tamén se aceptan obras inéditas que poidan realizar a súa estrea no festival.
  • As curtametraxes enviadas non poderán ter sido seleccionadas en edicións anteriores do OUFF en Curto. En caso de telo sido, non se aceptará a súa participación nesta edición.
  • As obras participantes non poderán exceder dos 30 minutos de duración e a temática será libre, estando admitidos todo tipo de xéneros e modalidades de creación, agás o spot publicitario e o videoclip.
  • Os materiais presentados deben estar en lingua galega ou en español. En caso de seren nun idioma diferente a estes, deben estar subtitulados a unha destas dúas linguas.
  • En caso de non acadar un número mínimo de participantes, a organización poderá tomar a decisión de desistir neste concurso.

2.- Beneficiarios/as:
A participación está aberta a todos os autores ou autoras que se axusten aos requisitos recollidos no apartado anterior.

3.- Categorías, crédito orzamentario e premios:

  • O importe total asignado a esta finalidade está incluído no orzamento xeral do Ourense Film Festival (OUFF 2020).
  • Todas as obras a concurso competirán nunha categoría única, independentemente do xénero do audiovisual. Para os efectos de programación e proxección, as obras participantes poderán ser aglutinadas nos bloques que considere a organización.
  • Establécense dous premios elixidos polo xurado profesional coa contía de 1.000 € en metálico para a obra que sume a maior puntuación e 500 € para a segunda que máis puntos acade.
  • Establécese a maiores un “Premio do Público”, dotado con 300 €, que poderá ser compatible cos dous premios anteriores, se así resultara.
  • O xurado poderá decidir tamén outorgar unha ou varias mencións especiais en caso de que o consideren oportuno.
  • Os gañadores ou gañadoras recibirán igualmente unha figura conmemorativa do certame.
  • Aos premios aplicaráselles as retencións correspondentes segundo a lexislación vixente.

4.- Obrigas dos/as participantes: 

  • As persoas participantes deberán acreditar a posesión das obras que presentan. O cumprimento deste punto será responsabilidade total da persoa participante, non do festival, e poderá supoñer a exclusión da súa obra, de observarse incumprimento.
  • As persoas participantes autorizan ao festival a empregar fragmentos das obras seleccionadas, ou outros materiais promocionais achegados con estas, co fin da súa promoción, tanto na internet como noutros medios audiovisuais ou escritos, desta ou de vindeiras edicións.
  • Os datos de carácter persoal das persoas participantes incorporaraáselles ás correspondentes actividades de tratamento da Deputación Provincial de Ourense, e serán tratados coa finalidade específica de cada tratamento, de conformidade coa regulación establecida polo Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello sobre protección de datos de carácter persoal e coa Lei orgánica 3/2018, de protección de datos de carácter persoal e de garantía dos dereitos dixitais. A lexitimación do tratamento baséase no cumprimento dunha obrigación legal e/ou o cumprimento dunha misión realizada en interese público. O prazo de conservación dos datos será o legalmente previsto. Os datos solicitados unicamente serán obxecto de cesión, se é o caso, tras o previo consentimento da persoa interesada ou de acordo co previsto nestas bases e/ou na citada lexislación. As persoas cuxos datos persoais sexan tratados por esta Administración poderán exercitar os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación do tratamento e portabilidade, así como opoñerse á toma de decisións individuais automatizadas, incluída a elaboración de perfís, na forma prevista na lexislación vixente sobre a materia, ante o órgano responsable do ficheiro. No caso de descoñecer este órgano, a solicitude dirixirase a DPO@depourense.es. Así mesmo, tamén teñen dereito a presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos.

5.- Prazo e presentación de inscricións e documentación:

  • Para participar será imprescindible cubrir o formulario de inscrición na plataforma FESTHOME.
  • O prazo de presentación será dende o día seguinte ao da publicación destas bases no BOP ata o 31 de agosto de 2020, ás 23.59 h.
  • As obras deben enviarse preferentemente en formato “.mp4” ou “.mov” (codec H264), cunha resolución mínima de 1280×720 píxeles. En caso de necesidade técnica, poderanse transcodificar ou solicitar as obras seleccionadas en formato diferente a efectos da súa proxección.
  • As persoas participantes deberán achegar na inscrición a seguinte documentación:
  1. Solicitude de inscrición e declaración responsable de estar ao corrente coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
  2. Fotocopia do DNI do autor ou autora / CIF da entidade xurídica, se é o caso.
  3. Certificación bancaria do número de conta do autor ou autora.
  4. A curtametraxe participante ou unha ligazón para descargala.
  5. <Ficha técnica e sinopse da curtametraxe.
  6. Material gráfico e promocional (cartel, fotogramas da obra, etcétera).
  • A organización do OUFF 2020 xestionará de oficio a comprobación de estar ao corrente das obrigas fiscais coa Administración Local.
  • En caso de dúbidas nalgún dos puntos anteriores, estas poden ser atendidas no correo electrónico ouffencurto@gmail.com

6. Procedemento de concesión

  • O procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva.
  • Os audiovisuais presentados someteranse a unha preselección a criterio do comité de selección. Só chegarán a proxectarse e optarán ao premio as pezas escollidas polo dito comité.
  • A persoa de contacto das curtametraxes seleccionadas será notificada da selección por parte da organización a través dalgunha das vías de contacto que facilitou no formulario de inscrición.
  • Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano de instrución comprobará a corrección da documentación administrativa achegada, e remitiralle ao xurado as curtametraxes seleccionadas cuxa documentación estea correcta e fora presentada en prazo, para a súa valoración e posterior emisión da correspondente acta.

7. Xurado

  • O xurado estará composto por profesionais de recoñecido prestixio no mundo académico e/ou no sector audiovisual, e poderá incluír tamén novos valores do dito sector. Unha das persoas integrantes do xurado actuará de presidente ou presidenta.
  • O xurado valorará positivamente o uso da lingua galega, así como tamén o carácter innovador e a orixinalidade da proposta, tanto na temática como na súa resolución narrativa e formal. As decisións do xurado faranse públicas unha vez finalizadas as votacións e serán inapelables.
  • O premio do público será outorgado polas persoas asistentes ás proxeccións das curtametraxes, que puntuarán de 1 a 5 as obras a concurso, resultando gañadoras deste as que máis puntos sumen unha vez feito o reconto de votos. En caso de empate, a decisión final será do presidente ou presidenta do xurado profesional.

8. Proxección das curtametraxes
As curtametraxes seleccionadas serán proxectadas nunha ou varias sesións durante a celebración do OUFF 2020, e as que resulten premiadas poderán ser proxectadas na sesión da entrega de premios, podendo dispor o OUFF 2020 do seu uso posterior para actividades de difusión deste, no decurso do propio festival ou no ámbito da provincia de Ourense.

9. Responsabilidade de danos
O OUFF 2020 non se fai responsable dos danos morais ou materiais que, a si mesmos ou a terceiros, ocasionen os participantes.

10. Aceptación das bases
A participación neste concurso leva implícita a aceptación destas bases. A interpretación destas será competencia da organización.

Contra este acordo pódese interpor, potestativamente, un recurso de reposición ante a Xunta de Goberno desta Deputación, no prazo de 1 mes, como trámite previo ao contencioso-administrativo, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado Provincial do Contencioso-Administrativo, no prazo de 2 meses, sen que se poidan compaxinar ambos recursos. Os prazos indicados computaranse a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no BOP.

En todo caso, poderá interpoñer calquera outro recurso que estime procedente.