1. Obxecto do concurso

– É obxecto desta convocatoria estimular o formato da curtametraxe no ámbito da Comunidade Autónoma Galega como expresión básica da creación audiovisual.

– As curtametraxes deberán estar realizadas en Galicia ou dirixidas por unha persoa galega; a data de estrea das pezas que se presenten a concurso non poderá ser anterior a 2018, en caso de teren sido xa estreadas.

– As curtametraxes enviadas non poderán ter sido seleccionadas en edicións anteriores do OUFF en Curto. En caso de telo sido, non se aceptará a súa participación nesta edición.

– As obras participantes non poderán exceder dos 30 minutos de duración e a temática será libre, estando admitidos todo tipo de xéneros e modalidades de creación, agás o spot publicitario. Haberá unha sección específica para videoclips.

– Os materiais presentados deben estar en lingua galega ou en castelán. En caso de seren nun idioma diferente a estes, deben estar subtitulados a unha desas dúas linguas (agás na sección de videoclips, que poderán estar en calquera lingua e non serán precisos os subtítulos).

 

  1. Beneficiarios/as

A participación está aberta a todos os autores ou autoras que se axusten aos requisitos recollidos no apartado anterior.

 

  1. Categorías, crédito orzamentario e premios

– O importe total asignado a esta finalidade está incluído no orzamento xeral do Ourense Film Festival (OUFF 2019).

– Todas as obras a concurso competirán nunha categoría única, independentemente do xénero do audiovisual, agás os videoclips que terán categoría propia. A efectos de programación e proxección, as obras participantes poderán ser aglutinados nos bloques que considere a organización.

– Establécense dous premios elixidos polo xurado profesional coa contía de 1.000 € en metálico para a obra que sume a maior puntuación e 500 € para a segunda que máis puntos acade.

– Establécese a maiores un “Premio do Público”, dotado con 300 €, que poderá ser compatible cos dous premios anteriores se así resultara.

– O xurado poderá decidir tamén outorgar unha ou varias mencións especiais en caso de que o consideren oportuno.

– Establécese tamén unha categoría de videoclips, que competirán nunha sección propia cun premio único de 300 € para o mellor videoclip, e que será elixido polo xurado “millenial”.

– En caso de non acadar un número mínimo de participantes, a organización poderá tomar a decisión de deixar deserta a categoría de videoclips e o seu premio.

– Os gañadores ou gañadoras recibirán igualmente unha figura conmemorativa do certame.

– Aos premios aplicaráselles as retencións correspondentes segundo a lexislación vixente.

 

  1. Obrigas dos/as participantes
  • As persoas participantes deberán acreditar a posesión das obras que presentan. O cumprimento deste punto será responsabilidade total da persoa participante, non do festival, e poderá supoñer a exclusión da súa obra de observarse incumprimento.
  • As persoas participantes autorizarán ao festival a empregar fragmentos das obras seleccionadas, ou outros materiais promocionais achegados con estas, co fin da súa promoción, tanto na Internet como noutros medios audiovisuais ou escritos, desta ou de vindeiras edicións.
  • As persoas físicas ou entidades xurídicas participantes autorizan o tratamento de datos persoais e a súa inclusión nun ficheiro xestionado pola organización do OUFF en Curto e do OUFF con fins estatísticos. O participante poderá exercer en todo momento os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición recoñecidos na Lei orgánica 15/1999.

 

  1. Prazo e presentación de inscricións e documentación

– Para participar será imprescindible cubrir o formulario de inscrición na plataforma FESTHOME.

– O prazo de presentación será dende o día seguinte ao da publicación destas bases no BOP ata o 28 de xullo de 2019 ás 23:59 h.

– As obras deben enviarse en formato “.mp4” ou “.mov” (codec H264), cunha resolución mínima de 1280×720 píxeles. En caso de necesidade técnica, poderanse solicitar as obras seleccionadas en formato diferente a efectos da súa proxección.

– Os participantes deberán achegar na inscrición a seguinte documentación:

  • Solicitude de inscrición e declaración responsable de estar ao corrente coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
  • Fotocopia do DNI do autora ou autora / CIF da entidade xurídica, se é o caso.
  • Certificación bancaria do número de conta do autor ou autora.
  • Ficha técnica e sinopse da curtametraxe.
  • Material gráfico e promocional (cartel, fotogramas da obra, etc).

– A organización do OUFF2019 xestionará de oficio a comprobación de estar ao corrente das obrigas fiscais coa Administración local.

– En caso de dúbidas nalgún dos puntos anteriores, estas poden ser atendidas no correo electrónico ouff.curtas@depourense.es.

 

  1. Procedemento de concesión

– O procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva.

– Os audiovisuais presentados someteranse a unha preselección a criterio do comité de selección. Só chegarán a proxectarse e optarán ao premio as pezas escollidas por dito comité.

– A persoa de contacto das curtametraxes seleccionadas será notificada da selección por parte da organización a través do enderezo de correo electrónico que facilitou no formulario de inscrición.

– Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes o órgano de instrución comprobará a corrección da documentación administrativa achegada, e remitirá ao xurado as curtametraxes seleccionadas cuxa documentación estea correcta e fora presentada en prazo, para a súa valoración e posterior emisión da correspondente acta.

 

  1. Xurado

O “xurado profesional” estará composto por profesionais de recoñecido prestixio no mundo académico e/ou no sector audiovisual, e poderá incluír tamén novos valores de dito sector. Unha das persoas integrantes do xurado actuará de presidente ou presidenta. A relación nominal dos membros do xurado farase pública con anterioridade ao inicio do Festival.

O xurado valorará positivamente o uso da lingua galega, así como tamén o carácter innovador e a orixinalidade da proposta, tanto na temática como na súa resolución narrativa e formal. As decisións do xurado faranse públicas unha vez finalizadas as votacións e serán inapelables.

A categoría de videoclips contará cun xurado diferente ao anterior, que estará composto por alumnado matriculado en estudos relacionados co audiovisual en Galicia e que voluntariamente desexe formar parte do mesmo. De todas as solicitudes recibidas para participar neste xurado escolleranse, por sorteo, cinco persoas que serán as encargadas de escoller que obra merece o premio ao mellor videoclip. Con este xurado integrado só por estudantes, o OUFF en Curto intenta recoñecer, pór en valor e achegar ao mundo profesional a quen son o futuro do sector.

O “xurado do público” estará composto polos espectadores asistentes ás proxeccións das curtametraxes, que puntuarán de 1 a 5 as obras a concurso, resultando gañadoras as que máis puntos sumen unha vez feito o reconto de votos. En caso de empate, a decisión final será do presidente ou presidenta do xurado profesional.

  1. Proxección das curtametraxes

As curtametraxes seleccionadas serán proxectadas nunha ou varias sesións durante a celebración do OUFF 2019, e as que resulten premiadas poderán ser proxectadas na sesión da entrega de premios, podendo dispor o OUFF 2019 do seu uso posterior para actividades de difusión deste, no decurso do propio festival ou no ámbito da provincia de Ourense.

 

  1. Responsabilidade de danos

O OUFF 2019 non se fai responsable dos danos morais ou materiais que, a si mesmos ou a terceiros, ocasionen os participantes.

 

  1. Aceptación das bases

A participación neste concurso leva implícita a aceptación destas bases. A interpretación destas será competencia da organización.