A Calpurnia de Honra é un dos premios máis asentados na historia do festival. Incorporada na segunda edición do certame, convértese no símbolo máis recoñecible do Festival. A Calpurnia premia a traxectoria persoal e artística de destacados profesionais do mundo do cine.

Na presente edición concédese a un dos nosos cineastas máis premiados, o director Xavier Bermúdez.

Xavier Bermúdez naceu en Ourense en 1951. Tras estudar na Facultade de Ciencias da Información da Complutense, traballou en prensa -foi redactor xefe de cultura en “La Tarde” ou crítico de cinema no suplemento cultural de “El Mundo”- e tamén na radio, onde colaborou en “Perfil de ruedo”, “Caravana de hormigas” e “Pensamento 3”, todos programas de RNE/Radio 3.

En 1992 dirixiu “Luz Negra”, a súa primeira longametraxe, coa que Mónica Molina obtivo o premio de interpretación en Xixón e Alcalá.

Xavier Bermúdez

En 1994, xunto a Luis Miguel Fernández e á súa parella, a tamén directora Manane Rodríguez, Xavier funda a produtora Xamalú, con sede na Coruña, empresa coa que rodará varias longametraxes de ficción en Galicia: “Nena” —premio en Alcalá—, “León y Olvido” —premio para o director e para a actriz Marta Larralde en Málaga, Ourense, Karlovy Vary, Atenas, Toulouse ou Tallin—, “Rafael” e “O ouro do tempo”, filme este último galardoado en Calanda, Karlovy Vary, Varna e Durres. Bermúdez é tamén autor de Buñuel: espello e soño (Edicións da Mirada, 2000), un dos mellores libros publicados en España sobre a obra do xenio de Calanda.

Durante esta edición do OUFF, poderanse ver as súas obras máis destacadas: consulta aquí a programación.