Calpurnia de Honra Internacional 2023: Arturo Ripstein
Considerado o mellor director mexicano contemporáneo, recolle o premio o 29 de setembro na gala inaugural do festival de Ourense
Arturo Ripstein (Cidade de México, 1944) estará no OUFF 2023 para recibir a Calpurnia de Honra Internacional. Desde a organización do Ourense Film Festival (OUFF) non se agacha o gozo que supón recibir nesta 28ª edición ao considerado mellor director mexicano contemporáneo, multipremiado non só no seu país senón nos festivais internacionais máis prestixiosos. Amante dos espellos, das sombras e da planos secuencia; narrador da soidade das persoas e da súa imposibilidade para reverter a natureza humana, a presenza de Ripstein en Ourense será un prato forte da edición 2023 do OUFF. Arturo Ripstein recolle a Calpurnia de Honra na gala inaugural o 29 de setembro en Ourense, onde estará acompañado por Paz Alicia Garciadiego, a gran guionista e escritora, compañeira do mexicano e colaboradora das súas películas desde mediados dos anos oitenta.
Fillo de produtor cinematográfico, o mozo Ripstein presenciaba as rodaxes de Buñuel, do que aprendeu que “non debes traizoarte, e non debes facer o que non queiras filmar, unha especie de decálogo teolóxico”, tal como sinalaba á revista Gatopardo en 2020. A pesar de dedicarse á industria do cinema, o seu pai, Alfredo Ripstein, non aceptou á primeira a vontade do seu fillo de ser cineasta e, por esa razón, cominouno a estudar Dereito, carreira que abandonou aos tres anos. Estudou Historia e Historia da arte e aproveitou os cursos de cinema que se impartían na UNAM (Universidade Nacional Autónoma de México), onde tamén deu os seus primeiros pasos como actor.
Nin máis nin menos que os escritores Gabriel García Márquez e Carlos Fuentes forman parte da ópera prima de Ripstein, dirixida con pouco máis de vinte anos. Tiempo de morir (1966) tiña tras de si o boom latinoamericano: guión de García Márquez adaptado por Fuentes. A película recibiu o Premio da Crítica en Cartagena e anunciaba xa un “novo cinema mexicano”. Seguirían Los recuerdos del porvenir (1968) e tres cintas que contribuirian en gran medida a definir o cinema mexicano contemporáneo El castillo de la pureza (1972), El lugar sin límites, (1977) e Cadena perpetua (1978). Despois de rodar El santo oficio (1974), realizou a súa única película en inglés: Foxtrot (1976), con Peter O´Toole e Charlotte Rampling. Punto de inflexión na súa traxectoria sería El lugar sin límites, película considerada de culto, que causou balbordo no Festival de San Sebastián, por mostrar un bico entre dous homes, e que se fixo co Premio do Xurado.
Anos máis tarde San Sebastián sería tamén a porta grande de entrada a Europa para o cinema de Ripstein con Principio y fin (1993), que gañou a Cuncha de Ouro. A década dos noventa será moi frutífera con títulos como Profundo Carmesí (1996), El evangelio de las maravillas (1998), El coronel no tiene quien le escriba (1999), que competiu en Cannes, Así es a vida… (1999), a primeira película filmada dixitalmente en América Latina, ou La perdición de los hombres (2000), Premio FIPRESCI e Concha de Ouro en San Sebastián onde tamén recibiu o Premio ao Mellor Guión, todas elas películas con coprodución europea. E, ademas, con Paz Alicia Garciadiego, a súa guionista en máis de quince películas desde que se coñecesen a mediados dos anos oitenta cando Ripstein ofreceulle escribir El imperio de la fortuna (1985), baseada nunha novela de Juan Rulfo coa que gañaron varios Premios Ariel. O director mexicano sempre dixo que no seu cinema, a narración é fundamental.
Con máis de medio centenar de películas e documentais no seu haber, o seu último filme ata o momento é El diablo entre las piernas (2019), onde a súa querenza polo branco e negro -”eu aprendín a coñecer o meu país en branco e negro”, dixo nalgunha ocasión-, e pola incomodidade e o esperpento, alcanzan o seu punto álxido. Antes, neste século vinte e un destacan La virgen de la lujuria (2002), La calle de la amargura (2015) y Las razones del corazón (2012). En 2014 recibia en México o Ariel de Ouro a toda a súa traxectoria, galardón que se suma á larguísima nómina de premios e recoñecementos a Ripstein en todo o mundo, que aumenta en 2023 coa Calpurnia de Honra Internacional do OUFF.
Crédito foto Ripstein Gatopardo @Camilo Christen