O OUFF concede a Calpurnia de Honra 2019 á produtora Vaca Films

  • Vaca Films, con sede na Coruña, é responsable, entre oturas, de “Celda 211”, “El desconocido”, ou a próxima película de Paco Plaza, “Quien a hierro mata”
  • O festival programará un ciclo especial durante o OUFF 2019 coa súa filmografía
  • Tamén editará un libro sobre a traxectoria da produtora na que participarán unha vintena de críticos españois

Emma Lustres y Borja Pena, de Vaca Films

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, comunicoulle esta mañá aos responsables da produtora Vaca Films, Emma Lustres e Borja Pena, que a organización do OUFF decidiu facerlles entrega do premio honorífico da Calpurnia de Honra 2019, o máximo galardón do Ourense Film Festival. A produtora galega Vaca Films, a máis destacada de todo o panorama audiovisual galego, recibirá o premio na 24ª edición do OUFF, que terá lugar do 27 de setembro ao 5 de outubro.

Manuel Baltar felicitounos polo “merecido recoñecemento” e destacou que o festival rende así homenaxe a unha das produtoras cinematográficas referentes en España, responsable de grandes éxitos de crítica e público como son “Celda 211” (gañadora de 8 premios Goya incluíndo o de mellor película), “El Niño” ou “Cien años de perdón”, así como da esperada próxima película Paco Plaza, “Quien a hierro mata”, un thriller protagonizado por Luis Tosar que se estreará en cinemas o 30 de agosto.

Xunto co recoñecemento, o OUFF 2019 programará un ciclo especial no que se proxectarán os títulos máis destacados de Vaca Films. Ademais, dende o festival estase a traballar nunha publicación que repasa a historia e traxectoria de Vaca Films, e na que participan unha vintena de críticos españois.

Ao recibir a Calpurnia de Honra, o galardón con máis traxectoria do festival ourensán, Vaca Films únese a unha lista na que xa figuran figuras tan destacadas como Montxo Armendáriz, Luís G. Berlanga, Imanol Arias ou, o homenaxeado hai un ano, Xavier Bermúdez.

Referente do cinema galego e nacional

Vaca Films, con sede na Coruña, foi fundada en 2003 por Borja Pena e Emma Lustres nunha clara aposta polo cinema comercial de calidade e pola industria audiovisual galega. E é que Galicia foi e segue sendo a base non só das súas operacións empresariais, senón tamén da maioría das súas rodaxes, tanto en estudio como en exteriores. Aquí rodáronse, por exemplo, “El desconocido”, nominada a 8 premios Goya; ou “La sombra de la ley”, a última triunfadora dos premios Mestre Mateo que concede a Academia Galega do Audiovisual.

A produtora coruñesa tamén quixo sumarse ao bo momento que vive a ficción televisiva e creou Vaca TV, coa que está a producir unha das grandes apostas de Movistar+ para o próximo ano, a serie “La Unidad”, dirixida por Dani da Torre e escrita por Alberto Marini.

A Calpurnia de Honra é un dos galardóns máis antigos do OUFF, xa que se entregou por primeira vez na segunda edición do certame, en 1997. A figura, creada polo escultor Manuel Buciños, é de feito un dos símbolos máis recoñecibles do festival. O nome fai referencia a  Calpurnia Abana, a muller de nome romano e orixe galaica recoñecida como primeira habitante de Ourense e cuxo nome apareceu en 1802 nunha horta moi preto das Burgas.