O OUFF en Curto presenta o cartel da súa nova edición

  • O deseño, que aposta pola técnica do collage, está feito pola deseñadora Nuria Grandío

  • O prazo para inscribir as curtas a concurso remata o 15 de xullo

O OUFF en Curto volverá a brillar coas mellores curtametraxes galegas na 26ª edición do OUFF (Ourense Film Festival), que se celebrará entre o 24 de setembro e o 2 de outubro de 2021 na cidade das Burgas. E xa conta con imaxe propia para esta nova edición. A deseñadora Nuria Grandío, que xa foi a autora do cartel en anos anteriores, volve a firmar o deseño desta edición. Utiliza unha técnica moi en tendencia, o collage, incluíndo elementos da cidade de Ourense como a catedral, así como unha homenaxe á curta de Chano Piñeiro Mamasunción

Dende a organización sinalan e celebran “a boa acollida desta edición entre os curtametraxistas galegos” e recordan que “quedan pouco máis de 15 días para o peche das inscricións”. Permanece aberto o enlace na plataforma Festhome para poder anotarse e participar no certame deste ano.  

Foco no audiovisual galego

O OUFF en Curto volve a ter como obxectivo o de darlle relevancia a este tipo de formato audiovisual feito en Galicia. E é que as obras que participen nesta nova edición do certame, como en anteriores ocasións, deben estar feitas na comunidade ou contar con equipo galego. Unha das grandes novidades que incorpora este ano o OUFF en Curto é a aparición dunha nova categoría a competición: documental. Polo tanto, as pezas presentadas dividiranse en dous tipos: ficción e documental. 

Un xurado profesional será o encargado de outorgar os premios, de 1000 € para a obra gañadora en cadansúa categoría. Ademais, o Premio do Público contará cunha contía de 300 €. As curtametraxes que se presenten poden ser de temática libre e ter unha duración máxima de 30 minutos. Ademais, nesta edición do certame poden inscribirse pezas do ano 2019 (con carácter excepcional pola covid-19) en adiante.