O cine mexicano será protagonista no OUFF 2019

Ciclo de cine mexicano en el OUFF
  • O festival presentará en España varios filmes do Centro de Capacitación Cinematográfica, espazo formativo creado en México por Carlos Velo

 

Na súa 24 edición, a celebrar entre o 27 de setembro e o 5 de outubro, o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) terá como país convidado a México, e adicará unha das súas seccións ao cine que se está a producir en México coa colaboración da Fundación Carlos Velo e o Centro de Capacitación Cinematográfica de México, entidade de referencia no sector, fundado en 1975 polo galego Carlos Velo, tendo como presidente de honra a Luis Buñuel, amigo persoal do cineasta de Cartelle. O CCC é un centro de referencia na cinematografía mexicana ao ter formado dende a súa creación a numerosos realizadores e profesionais do sector audiovisual nas últimas décadas, entre elas a propia neta de Velo, a guionista e directora Laura Gardos Velo. 

Unha escolla de doce títulos, en gran parte inéditos en España e seleccionados pola actual dirección do CCC, amosarán a evolución do cine mexicano ao longo das últimas décadas, xa que se inclúen obras creadas entre os anos 2001 e 2018, ademais dun título simbólico, “El secreto de Romelia” (1988), a primeira película realizada por unha graduada no Centro, a directora Busi Cortés.

Os títulos, todos eles óperas primas, que se proxectarán no OUFF 2019 serán:

  1. “El secreto de Romelia” (1988). Dir: Busi Cortés
  2. “Seres Humanos” (2001). Dir: Jorge Aguilera
  3. “Noticias lejanas” (2005). Dir: Ricardo Benet
  4. “Más que a nada en el mundo” (2006). Dir: Andrés León Becker / Javier Solar
  5. “Conozca la cabeza de Juan Pérez” (2008). Dir: Emilio Portes Castro
  6. “Somos lo que hay” (2010). Dir: Jorge Michel Grau
  7. “El lugar más pequeño” (2011). Dir: Tatiana Huezo Sánchez
  8. “Mi universo en minúsculas” (2011). Dir: Hatuey Viveros
  9. “Inercia” (2013). Dir: Isabel Muñoz Cota Callejas
  10. “Tiempo suspendido” (2015). Dir: Natalia Bruschtein
  11. “Distancias cortas” (2015). Dir: Alejandro Guzmán Álvarez
  12. “Takeda” (2017). Dir: Yaasib Vazquez Colmenares

Como parte do programa, OUFF e a Fundación Carlos Velo están a xestionar a presenza en Ourense dalgún dos realizadores mexicanos así como dos responsables do Centro de Capacitación Cinematográfica de México.