CIMA analiza o papel das mulleres no audiovisual galego

  • O estudo é o primeiro deste tipo que CIMA realiza nunha comunidade autónoma e ten fins didácticos
  • A análise de varias decenas de producións revela que, a pesar da o sensación de que cada vez máis mulleres traballan en cinema e televisión, os homes seguen sendo unha gran maioría

Ourense, 27 de setembro– A Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuais (CIMA) elaborou un estudo sobre o papel das mulleres no audiovisual galego, o primeiro deste tipo que realiza. O resultado da investigación, A representatividade e a representación das Mulleres no Audiovisual Gallego. Ficción 2020, e que se presentou esta mañá no marco do Ourense Film Festival (OUFF), revela datos interesantes, como que as actrices conseguen menos papeis protagonistas a medida que cumpren anos, ao contrario do que sucede cos homes.  Tamén mostra que, pese á sensación de que cada vez máis mulleres ocupan roles decisivos na industria, as porcentaxes que indican unha clara superioridade masculina mantéñense.

A  particularidade deste estudo, máis aló de ser o primeiro que analiza o sector nunha comunidade autónoma concreta, é o seu carácter didáctico e, de feito,  abordarase en formacións de Comunicación Audiovisual e de Imaxe e Son. Neste sentido, a intérprete Mariana Carballal, coordinadora do equipo que realizou a investigación, sostén que “a sociedade transfórmase desde o ensino”. “Queremos abrir a mirada”, resaltou.

Amada Trabada, socióloga que tamén participou no proxecto, reivindica a  necesidade de traballos como este porque “as narrativas audiovisuais constrúen identidades”, e, na actualidade, moitas das obras de cine e televisión “empobrécennos ás mulleres; vémonos como personaxes secundarias”.

Durante tres meses, un equipo multidisciplinar formado por sociólogas, expertas do audiovisual, directoras e profesoras, estudou  varias longametraxes, series e web series de produción galega e estreadas en 2020 para analizar a presenza e o rol das mulleres neles. O  proxecto nace dun convenio de colaboración entre CIMA, a Deputación de Ourense e a Fundación Carlos Velo, e contou, tamén, co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).