• A galega será a primeira artista en recibir este galardón como recoñecemento á súa traxectoria na pequena pantalla
  • O galardón entregarase por primeira vez na historia do festival

 

A actriz Cristina Castaño será a galardoada co Premio OUFF-TELEVISIÓN 2019 na 24 edición do Festival de Cinema Internacional de Ourense. “Con este premio, que se concede por primeira vez no Ourense Film Festival, OUFF 2019, a organización aposta fortemente por consolidar a sección xa iniciada na edición anterior, ao considerar o pulo que a ficción televisiva está a tomar nos últimos anos, co engadido de incorporar recursos e estruturas narrativas tomadas do cine, ademais da propia dinamización do sector. Talento, creatividade e industria, están a camiñar da man no obxectivo común de producir imaxes de calidade, nunha dinámica a que se está a incorporar ao audiovisual galego cun elevado nivel competitivo. A premiada, que representa aos profesionais que visten aos personaxes diante da pantalla, é a actríz galega de recoñecida traxectoria e prestixio, Cristina Castaño”, en verbas da organización do certame. 

Cristina Castaño é unha das caras máis recoñecidas da televisión na actualidade. A actriz, nacida en Vilalba e que estudou Xornalismo en Madrid, fíxose un oco na casa dos galegos cun dos seus primeiros papeis, o de Paula na famosa serie da TVG “Pratos Combinados”. Pouco despois daría o salto ao panorama estatal aparecendo en máis de 300 capítulos de “Al salir de clase” como Lydia. 

Unha carreira en permanente ascenso

A partir dese momento comezan a sucederse as súas aparicións en diversas series españolas, en películas e en numerosas obras de teatro. Na pequena pantalla puidémola ver en ficcións como “El comisario”, “Herederos”, “El final del camino”, “Cuerpo de élite” ou “La que se avecina”. É precisamente con esta última e co seu papel da psicóloga Judith Becker co que a puidemos ver en prime time durante máis de 3 anos e 90 capítulos. No cinema destacan os seus papeis en “Días azules”, “Nacida para ganar”, “Bajo el mismo techo”, “Angry Birds: la película”, “Sin rodeos” ou “Lo dejo cuando quiera”. Tamén protagonizou a curtametraxe de Isabel Coixet “Proyecto Tiempo. Parte III: El juego” e participou no programa “El club de la comedia”.

Outra das grandes paixóns de Cristina Castaño é o mundo do teatro. Sobre as táboas percorreu a xeografía española con títulos como “Las manzanas del viernes” con Concha Velasco ou a musical “Fama”, do que realizou máis de 600 representacións por toda España. É precisamente con outro musical, “Cabaret”, co que alcanza gran éxito de público e de crítica e é recoñecida como mellor actriz revelación nos Premios do Teatro Musical. Na actualidade participa en “¿Quién es el Sr. Schmitt?”, xunto a Javier Gutiérrez.

Unha carreira ascendente da actriz galega, que está a piques de estrear a súa nova serie en Antena 3 “Toy  Boy”, e que agora se ve recoñecida co Premio OUFF-TELEVISIÓN 2019. O galardón entregaráselle durante o festival, que este ano celebra a súa 24 edición entre o 27 de setembro e o 5 de outubro.