A curta “Non me espera ninguén” clausurará o 25 OUFF

Morris en Non me espera ninguén
  • A peza, dirixida por Amanda Ortega, estrearase na gala de clausura do festival 

  • Acompañará a película “Luarada” do ourensán Óscar Doviso o 3 de outubro

A curtametraxe “No me espera ninguén”, dirixida por Amanda Ortega, estrearase na gala de clausura do Festival de Cine de Ourense. Trátase dunha comedia romántica protagonizada por Antonio Durán Morris e Isabel Blanco e que foi rodada nos últimos meses en Ourense e Os Peares. Baseada nun conto de José Antonio Pastor, conta coa produción de Ézaro Films, comandada por José Montero xunto co gañador de varios Premios Goya, Ángel de la Cruz, que asina tamén o guión.  

Unha historia moi ourensá

Cartel-non-me espera

A cidade de Ourense e Os Peares, lugar de orixe de Morris, tamén son protagonistas nesta obra. O apeadoiro do ferrocarril da vila ou a salas de exposición dos trens eléctricos en miniatura do Centro Cultural Marcos Valcárcel serviron de escenario perfecta para a rodaxe. O círculo péchase coa elección da curta para clausurar o 25 aniversario do certamen ourensán. “Para todos nós é unha honra e un privilexio poder estrear a curta nesta especial celebración do cuarto de século do Festival Internacional de Cine de Ourense e agardamos que sexa o bandeirola de saída para presentala por máis importantes festivais internacionais de cine tanto en España como no resto do mundo. Este é un tren ao que non vamos deixar de subir” afirma o produtor e guionista Ángel de la Cruz. 

En “Non me espera ninguén” atopamos a Pepe, (Antonio Durán “Morris”) o xefe do apeadoiro de Os Peares, unha pequena vila galega da provincia de Ourense á beira do Miño, un home bastante solitario e taciturno que dedicou a súa vida aos ferrocarrís. Un día coñece a Helena (Isabel Blanco), unha pintora bohemia e romántica de vacacións no pobo e que tódolos xoves toma un tren para ir á cidade. Pepe namórase dela pero pásanselle os días —e os trens— sen que se atreva a dicirlle nada. Cando parece que definitivamente vai vencer a súa timidez, Helena non volve a aparecer por alí. Xa xubilado, visitando unha exposición de trens eléctricos en Ourense, descubrirá que hai trens que só pasan unha vez. 

Amanda Ortega (Madrid, 1989) traballou como axudante de produción, asistente de cámara ou na fotografía de diversas pezas audiovisuais antes de lanzarse a dirixir o seu primeiro traballo “Non me espera ninguén”. Para a directora, esta curta “é unha metáfora da vida a través da reflexión sobre a soidade, ou, máis concretamente, sobre a brevedade da vida e o deber que temos de non desaproveitala. Ou sexa, Carpe diem, todo iso contado con ironía e con moito humor, coa esperanza de que sirva para concienciar aos que nunca asumen riscos da necesidade de non deixar para mañá o que se poda facer hoxe, porque tal vez mañá nunca chegue”.