Por terceiro ano consecutivo o OUFF organiza, como preámbulo ao propio festival, os seus encontros literarios de cine. Neles presentáranse algúns dos títulos publicados neste 2024, sobreo amplo mundo cinematográfico, dende diversas perspectivas. O OUFF, mantendo oobxectivo de abrir o festival a máis espazos da cidade, conta nesta edición coa colaboraciónespecial de catro librarías ourensás: Tanco, Eixo, Kathedra e Volando Libre.
O primeiro encontro correrá a cargo do guionista, escritor e produtor Pepe Coira, quen presentará o libro “Las costuras del guión. Textos de cine y vida”, de Daniel Domínguez, falecido no 2020. Na presentación o acompañará Carlos Amil. Coira é o responsable da edición desta recompilación de textos do recoñecido guionista, extraídos dos seus artigos publicados no blog persoal La escuela de los domingos. O libro ofrece unha visión única e profunda da narrativa cinematográfica dende a perspectiva dun narrador experimentado.
Venres, día 20 de setembro, 20.00 horas. Libraría Tanco.
A ourensá Milena Martínez Basalo, fotógrafa e retocadora ademais de profesora falará do seu libro “El imaginario fantástico de Tim Burton”, director cuxo último traballo “Bitelchús Bitelchús” acaba de chegar aos cines. A autora recorre todo o potencial creativo de Burton, non só as claves do seu cine, tamén as da súa arte, bocexos ou pinturas. Unha obra indispensable para os admiradores do director e para as persoas que queiran deixarse sorprender pola súa riqueza artística e o seu imaxinario fantástico.
Luns, 23 de setembro. 19,30 horas. Libraría Eixo
O terceiro encontro terá como protagonista ao ourensán Valentín Barreiros, autor de “Os trasnos da lanterna”, que supón unha volta aos escenarios polos que transitaba o libro Ourense e o cinema. Nesta ocasión sitúa en primeiro plano o valioso labor desenvolvido polo movemento cineclubista ourensán dende os anos cincuenta até a actualidade e traslada o foco cara dous acontecementos que converteron a Ourense nunha referencia para o cinema galego: As Xornadas do Cine en Ourense, nos anos setenta, e as XOCIVIGA no Carballiño, nos anos oitenta.
Mércores, 25 de setembro. 19, 30 horas. Libraría Khatedra
O punto e final aos encontros correrá a cargo do exdecano da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra, impulsor da pioneira Cátedra de Edadismo da Universidade de Vigo e creador da Tribu de los viejos herejes, Xaime Fandiño. Presentará a súa primeira obra de ficción “El último concierto”. Unha historia inspirada nunha fake news que profundiza sobre o dereito a decidir. Dende unha mirada reivindicativa, con gran doses de aventura e cun militante realismo social, a trama arranca nunha ficticia residencia de maiores, localizada ao borde do mar no Morrazo na que unhas persoas internas na institución, deciden acudir ao Resurrection Fest.
Xoves, 26 de setembro. 19,30 horas. Libraría Volando Libre
O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo co patrocinio principal da Deputación de Ourense e o apoio da Xunta de Galicia.