“Entroidar” a serie documental sobre os Entroidos preséntase no OUFF

Entroidar no OUFF
  • O Entroido de Laza será protagonista do primeiro episodio

  • O proxecto, producido por Ces Media e Abella Creativa, atópase en fase de postprodución

 

A serie documental “Entroidar” sobre os Entroidos galegos chegou esta mañá ao Ourense Film Festival. Trátase dun proxecto que neste momento está en  estado de “work in progress” e que foi presentado por Andrés Rozados, produtor executivo, Jacobo García, peliqueiro e membro do equipo, e Paco Diéguez, artesán e deseñador das caretas de peliqueiro. E é que a localidade ourensá de Laza é o primeiro destino escollido para falar do seu entroido.

Foi a finais de 2017 cando o cineasta Pablo Ces coñeceu a Jacobo García e comezaron a tratar a idea de facer un documental sobre o Entroido de Laza, as súas tradicións, ritos ancestrais e as personaxes que lle dan vida. Na actualidade, o proxecto está en fase de posprodución despois dunha campaña de micro mecenado que recadou cinco mil euros. 

Andrés Rozados explicou que “dende o inicio, a nosa intención foi amosar todo o proceso. Queríamos que a xente soubera o que realmente significa o Entroido para a xente de alí”. Para Xacobo García esta documental, nacida nunha sobremesa, era cumprir  “un soño de ensinarlle ao mundo o Entroido de Laza. É un sentimento que tes que ser de alí para poder entendelo por completo”. O artesán Paco Diéguez quixo salientar que “co título faise referencia a toda a preparación e non só aos días sinalados. En Laza hai un gran sentimento de pobo, case de tribu. É como un ritual que temos que preparar ao longo de todo o ano”.

O documental non amosa só a celebración de cara ao visitante senón que se poden ver os adestramentos dos peliqueiros, o traballo dos artesáns, as bicas, o xastré ou os momentos máis íntimos das familias de Laza. A estrea de “Entroidar” está prevista para o Entroido de 2020.