O mellor do cine euro-árabe no ciclo “Amal en ruta”

 

  • Esta actividade paralela do OUFF desenvolverase do 1 ao 4 de decembro no Liceo, con entrada gratuíta, proxectando seis películas galardoadas internacionalmente.
  • Manuel Baltar, Ghaleb Jaber e César Silva presentaron hoxe este ciclo paralelo do Festival de Ourense, froito da colaboración entre a Deputación e a Fundación Araguaney baixo o lema: “E ti, por qué loitas? 15 anos facendo do cine a nosa forma de cambiar o mundo”.

A 23ª edición do Festival Internacional de Cine de Ourense acollerá o ciclo “Amal en ruta” 2018 que mostrará o mellor do cine euro-árabe actual con seis películas que recollen historias reais do mundo árabe. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar hoxe no centro cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente de honra da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber, e o coordinador da programación do OUFF, César Silva.

Presentación Amal

“Coa celebración dunha nova edición do ciclo Amal en ruta queremos afondar na aposta que fixemos o ano pasado organizando esta iniciativa que recolle o mellor do cine árabe e que nesta edición se celebra no marco do Festival Internacional de Cine de Ourense, que converterá durante eses días á nosa provincia na capital do cinema”, explicou o presidente do goberno provincial.

Esta nova edición de “Amal en ruta” chega “tralo éxito logrado na pasada edición”- sinalou Manuel Baltar-, froito da colaboración entre a Deputación de Ourense e a Fundación Araguaney, “unha colaboración que se estenderá no futuro para seguir achegando obras do cinema árabe e do coñecemento da súa realidade”, salientou Baltar.

Amal ciclo

Os espectadores poderán ver seis películas, galardoadas no ámbito internacional, que se exhibirán no Liceo de Ourense no marco dun ciclo que se desenvolverá baixo o lema: “E ti, por qué loitas? 15 anos facendo do cine a nosa forma de cambiar o mundo”.

Pola súa parte, Ghaleb Jaber felicitou a Manuel Baltar “por dar vida” a esta edición do Festival, “que debe converterse no Festival de Galicia”, e pola aposta que fai a prol do cinema, “tan importante para a cultura dos pobos”. En canto aos filmes que se proxectarán, o presidente de honra da Fundación Araguaney dixo que se trata de “cine de autor, con historias reais, de gran calidade, premiadas en festivais como os de Cannes ou Toronto”.

“Amal en ruta” desenvolverase do 1 ao 4 de decembro, no Liceo de Ourense, ás 18.00 e ás 20.30 horas, con entrada gratuíta, ata completar aforo. “Trátase dunha actividade que se atopa dentro dos chamados “ciclos paralelos” do Festival de Ourense, e neste caso, é un dos máis importantes porque abrangue unha cinematografía menos coñecida e interesante, polo que é un luxo para a programación do OUFF contar cun ciclo destas características”, dixo César Silva. As películas que se proxectarán son: Gaza Surf Club, Wajib, Cartas desde Bagdad, Clash, Cairo Jazzman e Alí, La cabra e Ibrahim, “todas elas son do ano 2017 e 2018; tres son ficción e tres, documentais”, engadiu o coordinador da programación do OUFF.