O OUFF estreará os primeiros capítulos de dúas novas series de ficción da TVG

  • Por vez primeira, dúas series de televisión estrearanse na pantalla grande do Festival de Cine de Ourense. “Lobos de cordeiros”, ambientada na Belle Époque, e “Os Mariachi”, unha comedia de situación, veranse no Teatro Principal con entrada gratuíta.

Ourense, 17 de novembro de 2018.-  A nova edición do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) falará de cine pero tamén de televisión. E é que, por vez primeira, o certame acollerá a estrea das novas series de ficción da televisión galega: “Lobos e cordeiros” e “Mariachis”, froito dunha especial alianza coa TVG. As estreas terán lugar no Teatro Principal e contarán coa asistencia de gran parte do elenco de cada unha destas producións.

Así, os espectadores do OUFF poderán ver en pantalla grande os primeiros capítulos das dúas novas series que apuntan a converterse nun referente da ficción audiovisual galega.

Amores imposibles a finais do século XIX

“Lobos e cordeiros” é unha serie de época, ambientada a finais do século XIX en Ourense, nuns tempos nos que os conflitos bélicos nos que estaba embarcada España condicionaban o día a día do país. Esta ficción, producida por Galiwood co patrocinio da Deputación de Ourense, conta unha historia de intriga e amores imposibles de 3 familias: unha nobre, unha burguesa e outra campesiña; cun pazo e un balneario como escenarios de fondo. Entre os seus personaxes atopamos á muller dun marqués que esconde un secreto do seu pasado, a dous mozos namorados destinados a vivir vidas separadas ou á líder dunha banda de ladróns, cuxa identidade é un misterio.

Segundo o seu produtor executivo, José María Besteiro, estas tres familias “servirannos para narrar a historia de Galicia ó longo de varias tempadas”. Ourense xoga un papel esencial na ficción, con tódolos exteriores gravados na provincia, e tres de seus actores, Aída Blanco, Nacho Nugo e Alberto Rolan, ourensáns. No reparto tamén figuran, entre outros, Miquel Insua, Susana Sampedro, Desire Pillado, Adrian Rios y Sara Sanz.

O primeiro capítulo de “Lobos e cordeiros”, de 70 minutos de duración, poderá verse o venres 30 de novembro ás 22:30 horas.

Humor e desencontros no Ribeiro

Pola súa banda, “Os Mariachi” é unha serie de situación ambientada na actualidade na comarca do Ribeiro. A ficción, con guión de Carlos Ares, Xose Castro e Andrés Mahía, retrata en clave de humor a rivalidade entre dúas familias que, aparentemente, non teñen nada en común: un recto notario e os seus veciños os Mariachi, descendentes de emigrantes mexicanos cun estilo de vida… un tanto desordenado. Esta comedia, “humana e moi divertida” en palabras de Carlos Ares, está protagonizada por Manuel Manquiña, Antonio Durán “Morris”, Patricia Vázquez, Federico Pérez Rey, Marcos Pereiro, Cristina Andrade, Marita Martínez e Lucía Veiga, entre outros.


A ficción componse de varios capítulos de 30 minutos divididos en dúas seccións de 15 minutos cada unha. No OUFF poderemos ver o primeiro capítulo o día 3 de decembro ás 22:30 horas.

A entrada para as estreas de “Lobos e cordeiros” e “Os Mariachi” será gratuita.