O OUFF pecha o seu 25 aniversario reivindicando o papel de Ourense como plató de cinema

 

  • Na gala estreouse a curta “Non me espera ninguén”, rodada en Os Peares e Ourense e un adianto de “Luarada”

  • O ourensán Toño López presentou un avance da rodaxe de “Cuñados”, que chegará aos cines nos primeros meses do 2021

  • Momento emotivo na entrega do Premio AISGE a toda unha vida a Rosa Álvarez que recolleron os seus netos

 

O 25 aniversario do Festival de Cine de Ourense chega a súa fin despois dunha semana intensa de cine na que con máis de 90 proxeccións, Ourense foi de novo capital do audiovisual galego: un espazo aberto para coñecer os últimos traballos de novos creadores, repasar a actualidade do cine e televisión e achegar o cinema dos grandes festivais ao público ourensán.

Nunha gala presentada por Lucía Álvarez, directora da curta que se presentou na gala de inauguración “Amanezca”, e Sergio Pazos, vestidos ámbolos dous de Adolfo Domínguez, premio Calpurnia 25 anos, o fío conductor foi de novo a posta en valor do cinema feito en Galicia e a labor de precursores que dende hai 25 anos ten en Ourense o seu referente audiovisual

Convidados como Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, e Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, quixeron asistir á celebración destes 25 anos de cine. Acto ao que tamén asistiron o escritor Alfredo Conde, os actores Antonio Durán Morris e Isabel Blanco, Inés París, presidenta do xurado da sección oficial, ou a directora premiadas: Paula Cons, premio Xacobeo.

Ángel de la Cruz firma a posta en escea

A posta en escea a cargo de Ángel de la Cruz continúa a línea de sobriedade marcada no inicio de esta edición condicionada pola aposta decidida polo cine feito en Galicia, e nomeadamente, en Ourense como plató de cine.

O respeto as medidas sanitarias incidiu significativamente nesta edición non só nas galas de inauguración e clausura senón no aforo limitado e nas restriccións impostas en tódolos eventos e proxeccións deste atípico 25 aniversario. 

Ourense, plató de cine

Ourense foi e segue sendo un plató de cine. Mostra desta afirmación é a comedia galega “Cuñados”, que está previsto que chegue aos cinemas nos primeiros meses de 2021, e que estrou na gala un adianto da rodaxe realizada en Ourense, tanto na cidade como da provincia. Alfonso Blanco Fosco, director de Portocabo e produtor do filme, foi o encargado de presentar este avance. Trátase da primeira longametraxe de ficción da produtora galega Portocabo. 

Na gala estreouse en exclusiva a curtametarxe “Non me espera ninguén” de Amanda Ortega, que protagonizan Isabel Blanco, Antonio Durán Morris e Estíbaliz Veiga, que foron os encargados de falar sobre o filme no escenario do Auditorio xunto co produtor e guionista Ángel de la Cruz. O filme ten como escenarios principais terras ourensás, xa que foi rodada nos Peares ou no Centro Cultural Marcos Valcárcel da cidade.

O outro punto audiovisual forte da noite foi a estrea mundial dun adianto da película “Luarada” do director ourensán Óscar Doviso, que subiu a presentalo xunto cos actores Marcos Vázquez e Helen Bertels. O filme, que se atopa actualmente en proceso de produción, céntrase na historia de Manuel Blanco Romasanta. O adianto que se proxectou na gala foi tamén filmado en Ourense, amosando de novo o valor da provincia como plató de cine. 

Premios OUFF en Curto

Os primeiros premios da noite en entregarse foron os de mellores interpretacións do OUFF en Curto. Lidia Veiga de “Onde dormen as gaivotas” subiu ao escenario a recoller o seu premio de man de Isabel Blanco mentres que Denís Goméz de “Mentres iso pasa” enviou un vídeo dando as grazas ao festival. A continuación, entregáronse os premios de “La penumbra” e o director Daniel Viqueira subiu en dúas ocasións ao escenario. A primeira delas a recibir o premio do público de Miguel Grandío, coordinador da sección, e a segundo, a polo segundo premio que lle entregaron os membros do grupo musical Cómplices, Teo Cardalda e María Monsonís. O palmarés do OUFF en curto pechouse coa entrega do primeiro premio a “To the Sea” por parte do presidente do xurado, Simone Saibene, a Guillermo Vázquez, membro do equipo da curta.

O certame Fas Muvis tamén contou con sorpresa xa que Sergio Pazos e Lucía Álvarez desvelaron que as seis pezas rodadas en 48 horas en Ourense, contarán coa súa propia gala onde se proxectarán e se coñecerán aos gañadores.

Grandes premios

Este ano do 25 aniversario a organización quixo conceder un Premio Especial 25 OUFF e foi para a película que se estreou no festival “SPITSBERGEN, O GARDIÁN DO ÁRTICO” de Ignacio Benedeti polos seus especiais valores a prol da conservación do planeta e a loita contra o cambio climático. O director recibiu o premio de Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do festival.

A Calpurnia á Mellor película para “Deux”, estrenada en España neste OUFF, foi agradecida en vídeo enviado polo director Filippo Meneghetti. Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, entregou o trofeo a Ricardo Giménez Castañar, fundador de Karma Films, distribuidora de “Deux” en España. O outro premio do filme recaeu en Barbara Sukowa, que se alzou co galardón de Mellor Interpretación e que tamén quixo enviar un divertido vídeo para a gala de clausura.

No caso da gran gañadora da noite, “Cartas Mojadas” acudiu a montadora do filme María Macías a recoller os tres premios. O Premio CIMA foi entregada por Inés París,  presidenta do xurado da Sección Oficial e membro fundadora de CIMA, o do Público por Marcos Vila, xerente do centro comercial Ponte Vella. A directora Paula Palacios enviou tamén un emotivo vídeo de agradecemento no que falou de que “agora que estamos a punto de estrear en cines, ver que a película gusta ao xurado pero sobre todo ao público de Ourense, emocioname moito a min e a todo o equipo”.

O Premio ao Mellor Guión de William Nicholson por “Regreso a Hope Gap” foi entregado polo escritor e tamén guionista Alfredo Conde e recollido simbólicamente por Morris. O mesmo sucedeu co Premio Carlos Velo á Mellor Director para Jan Komasa de “Corpus Christi”, entregado pola presidenta da Fundación Carmen Leyte e recibido polo director de Luarada Óscar Doviso. No caso do Premio Especial do Xurado para “El agente topo”, Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, fixo o acto de entrega e o pintor Baldomero Moreiras, o de recepción.

Para pechar a entrega de galardóns do 25 OUFF, entregouse o Premio Xacobeo á directora coruñesa Paula Cons pola súa película “La isla de las mentiras”.

Rosa Álvarez, premio AISGE

Pero houbo un premio máis na noite: o de Rosa Álvarez. A actriz e directora teatral foi premiada este ano polo Premio AISGE a toda unha vida, galardón que foi entregado por Isabel Blanco e que recolleron no seu nome os seus netos Teo e Alba. Foi, sen dúbida, un dos momentos emotivos da gala. 

Toda unha vida adicada ao cine, teatro e televisión. Rosa Álvarez emprendeu a súa traxectoria na gran pantalla con “Esperanza” (Chano Piñeiro, 1986) e “Divinas palabras”, rodada un ano despois por José Luis García Sánchez, antes de formar parte en 1989 do elenco de “Sempre  Xonxa”, a película do propio Piñeiro que se considera xénese da cinematografía galega moderna. “El baile de las ánimas” (1993), “La rosa de piedra” (1999), “Trece badaladas” (2002), “La vida que te espera“ (2004, ás ordes de Manuel Gutiérrez Aragón) e “Os mortos van á presa“ (2009), de Ángel de la Cruz, onde desempeñaba o papel de Carmiña, que lle valeu un nomeamento aos premios Mestre Mateo como mellor actriz secundaria, son algúns dos seus traballos na gran pantalla. Pola súa labor teatral foi recoñecida en varias ocasións nos premios María Casares das artes escénicas galegas. O seu personaxe en Fobias proporcionoulle o galardón de mellor actriz protagonista. Ademais, en 2010 gañou con O segredo dos Hoffman, o premio á mellor dirección, en en 2018 o premio de Honra “Marisa Soto”.

Detalles de cine

O punto musical da noite veu da man das actuacións de Alfonso Medela Cuarteto, que foron os encargados de darlle ritmo a noite cun amplio repertorio de música de cine, que incluiu un tema en homenaxe a Ennio Morricone, recentemente falecido. O outro punto melódico púxoo a bailarina de claqué Cecilia Martínez e a actuación da cantante Diana Tarín, recoñecida por ter participado no concurso “La voz” que interpretou unha versión do tema da película “Casablanca”, O tempo pasará.

A gala de clausura do 25 aniversario do OUFF despediuse cos presentadores Sergio Pazos e Lucía Álvarez desexando unha longa vida ao cine. Porque grazas a el, Ourense foi a capital do sétimo arte durante unha semana.