‘Dores’ recibe o Premio do Público do OUFF en Curto e ‘III Marías’ gaña Fas Muvis

  • Sergio Pazos e Ledicia Sola foron os encargados de presentar a gala de curtas e Fas Muvis no Teatro Principal

  • Ademais da entrega de premios, proxectouse a curta gañadora de  Fas Muvis

  • A noite finalizou co avance de Escribir ou imposible, película documental de Simone Saibene sobre Juan Tallón

Ourense, 2 de outubro – O Ourense Film Festival pechou as súas entregas de premios con dous dos ciclos máis especiais do certame e que, como tal, merecían unha gala propia: as curtametraxes de OUFF En Curto e as pezas audiovisuais creadas en tempo récord para Fas Muvis. Con Sergio Pazos e Ledicia Sola como condutores, vestidos polo deseñador ourensán Adolfo Domínguez, a entrega de premios celebrouse no Teatro Principal nunha gala nova e dinámica onde, ademais de cinema, houbo oco para a música. O grupo ourensán TanDuB puxo a banda sonora a unha tarde de emocións fortes.

Para Miguel Anxo Fernández, director do OUFF, este foi unha “homenaxe aos novos valores, ao talento das novas xeracións porque eles son o futuro do festival”.

Os protagonistas da noite

Ata sete premios entregáronse na sección de OUFF En Curto, todos eles esculturas creadas por Buciños. Xoves de  comadres, de Noemí Chantada, foi recoñecido polo xurado como o mellor curto de ficción, e a súa actriz Aurora Maestre levouse o Premio AISGE Mellor Interpretación Feminina. Ademais, Canibalismo recibiu unha mención especial, ademais do Premio  AISGE  Mellor Interpretación Masculina para Germán  Prenta.

Na categoría de documental, o galardoado foi Mulher como Árvore, de Alejandro Vázquez San Miguel, Carmen Tortosa, Daniela Cajías, Flávio Ferreira e Helder Faria.  The  Death: O reencontro recibiu unha mención especial. Un dos momentos máis emocionantes foi, sen dúbida, cando por fin se desvelou a curta gañadora do Premio do Público: Dores, un traballo de Coral Piñeiro.

Quen tampouco coñecían se figuraban no palmarés ata esta tarde eran os creadores de Fas Muvis (pezas audiovisuais rodadas en 48 horas). Finalmente, III Marías, de Andrea Bouzo, levou o primeiro premio do certame. Mitra, de Anita Pico, foi o segundo mellor traballo segundo o xurado, composto pola actriz Lida Veiga, o realizador Oswaldo García e a produtora Beli Martínez. E o outro segundo premio recaeu en Asubío, de Andrea Varela.

A entrega de premios finalizou coa proxección da peza gañadora, III Marías.

Work in progress

A gala desta tarde rematou cunha das últimas proxeccións deste OUFF, o avance ou work in progress do documental Escribir o imposible, dirixido por Simone Saibene e que aborda o proceso de creación da última novela do escritor ourensán Juan Tallón, titulada Rewind. Autor e cineasta subiron ao escenario para presentar o filme, que se enmarca no ciclo Cinema e Literatura.