O escritor Gustavo Martín Garzo presenta no OUFF a súa segunda curta, ‘El secreto’

  • A peza forma parte do ciclo Cine e Literatura, unha das novidades desta 26 edición do Ourense Film Festival 
  • O escritor adapta un relato de Juan Eduardo Zúñiga

 

Ourense, 28 de setembro– O escritor Gustavo Martín Garzo presentou esta tarde no Ourense Film Festival (OUFF) a súa última curtametraxe El secreto, baseada nun relato de Juan Eduardo Zúñiga. Rodada en tan só 3 días e cun equipo de 5 persoas, a obra fala da “esencia do amoroso, cando a diferenza entre o que é real e o que é soñado pérdese”. A trama vira ao redor dunha moza que se sente atraída por un home que se hospeda na súa casa, pero que un bo día desaparece sen explicación. A proxección da curta tivo lugar hoxe ás 19:30 horas no Teatro Principal xunto co documental José Ángel Valente. Escribir lugar. Ambas forman parte da sección Cine e Literatura.

Martín Garzo, no seu encontro cos medios desta tarde, confesou que decidiu levar á pantalla o relato de Zúñiga, de tan só páxina e media de extensión, porque pertence a “un libro que permite asomarse a esa realidade diferente desta, oculta e descoñecida”.

Pola súa banda, Sagra Fernández, a protagonista do curto, destacou a “oportunidade única de traballar con Gustavo pola súa habilidade para crear ambientes de fantasía”. 

Da literatura ao cinema

Gustavo Martín Garzo (Valladolid, 1948) comezou a escribir poesía dende moi novo, pero acabou optando pola narrativa. As características destacadas da súa obra son as súas referencias a historias e lendas mitolóxicas, bíblicas e a súa inspiración no universo feminino. Coa súa novela El lenguaje de las fuentes foi galardoado co Premio Nacional de Narrativa en 1994 e con Tres cuentos de hadas repetiu o Premio Nacional no 2004 na categoría infantil e xuvenil. En 1999 gañou o premio Nadal coa obra Las historias de Marta y Fernando. Gran amante do cine, fixo a súa primeira incursión neste xénero coa curtametraxe Un dedo en los labios, estreada na 60 Seminci de Valladolid.