Inaugurada a exposición “Atención, rodamos en Ourense!!”

  • A mostra fai un percorrido pola historia das diferentes producións cinematográficas que se rodaron na provincia de Ourense

  • Poderá visitarse ata o vindeiro 26 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel

Ourense, 16 de setembro – O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, aproveitou o acto para invitar ao mundo audiovisual “a rodar as súas producións en todos os recunchos da provincia como o escenario perfecto para calquera historia que poida caber no maxín”. No Centro Cultural Marcos Valcárcel, durante a inauguración da exposición “Atencióoooon, rodamos en Ourense!!”, como actividade previa ao inicio do OUFF (Ourense Film Festival), Manuel Baltar destacou a firme aposta da Deputación “por converter a Ourense nun inmenso plató, o que se reflicte no feito de que das 27 películas rodadas na provincia, 9 delas son producións realizadas nos últimos anos”.

A este camiño, dixo, “tamén contribúe a decisión do goberno provincial de asumir a organización do Festival Internacional de Cine, contando con colaboradores indispensables como a Fundación Carlos Velo, a única en Galicia centrada na cultura do audiovisual”. Unha relación coa sétima arte “que non ben de agora xa que somos o berce do cinema en Galicia e hoxe en día toda unha referencia neste sector que fai que todos miren cara esta provincia e capital termal”. Sobre a exposición, Manuel Baltar sinalou que máis aló do equipo artístico e técnico que fan posible unha película “tamén forman parte esencial desas historias os lugares onde se desenvolve a acción e que a partir de hoxe podemos comprobar a través desta mostra”.

O presidente provincial felicitou ao coordinador do festival, Miguel Anxo Fernández, e da exposición, Xosé Lois Vázquez “Che”, polo resultado dun traballo “inesquecible, ameno e atractivo que se convirte nunha visita obrigada nestes días previos á inauguración do festival”. Unhas palabras que Miguel Anxo Fernández agradeceu ao tempo de destacou que se trata da primeira vez en Galicia e España “que a través dunha mostra se pon en valor a achega dunha provincia ao cinema desde o punto de vista patrimonial, histórico, paisaxístico e ata sociolóxico en relación co cine, achega que no último ano e medio e grazas ao apoio da Deputación permitiu rodar en Ourense cinco longametraxes”.

Ourense, plató de cine

Nesta nova exposición, comisariada por Xosé Lois Vázquez “Che” e que non será a única desta 26 edición do OUFF, faise un repaso pola longa traxectoria dun escenario de luxo do audiovisual nos últimos tempos: Ourense. E é que tanto a cidade das Burgas como diferentes rincóns da provincia se converteron nun auténtico e luxoso plató de cine ao aire libre. 

Numerosas producións audiovisuais teñen aterrizado para gravar o patrimonio cultural, arquitectónico, etnográfico e natural ourensán. Por este motivo, o OUFF organiza esta gran exposición que recolle as rodaxes que tiveron lugar en Ourense, capital e provincia, ofrecendo fotografías, textos, publicacións e todo tipo de elementos utilizados nos decorados das películas. Poderán verse elementos de filmes como La ley de la frontera, Sempre Xonxa, La lengua de las mariposas, A Esmorga, Los girasoles ciegos, 9 ondas, Cuñados ou O que arde, entre outras.

A exposición “Atención, rodamos en Ourense!!” forma parte das actividades paralelas do 26 OUFF, que terá lugar entre o 24 de setembro e o 2 de outubro, organizado pola Fundación Carlos Velo co apoio principal da Deputación de Ourense. A mostra poderá visitarse na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel dende hoxe, 16 de setembro, ata o día 26 de outubro en horario de 11h a 14 horas e de 17 a 21 horas pola semana e tamén as dúas fines de semana do festival.