O OUFF abre o prazo de inscrición da Sección Oficial 2021

  • O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de xullo

  • Repartiranse preto de 40.000 euros e nove galardóns

O Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) acaba de abrir o prazo de inscrición para a súa 26 edición. O certame galego, que se celebrará entre o 24 de setembro e o 2 de outubro de 2021, publicou hoxe o regulamento que rexirá esta nova edición do evento e que se pode consultar aquí. O prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de xullo. 

Poderán inscribirse longametraxes de ficción, animación ou documentais, producidas nos anos 2019 (de xeito excepcional, debido á covid-19), 2020 e 2021, que non se exhibiran comercialmente en España e que teñan unha duración superior aos 60 minutos. Para anotarse na 26 edición do OUFF poderán usarse a propia páxina do festival ou as webs clickforfestivals.com e festhome.com.

Case 40.000 euros en premios

A competición oficial de longametraxes do OUFF 2021 concederá un total de nove galardóns. Cinco serán outorgados polo xurado da Sección Oficial, incluindo o premio máis destacado do festival: a Calpurnia á Mellor Película, dotada con 12.000 euros. Ademais están o Premio Carlos Velo á Mellor Dirección (4.000 euros), o Premio Especial do Xurado (2.000 euros), o Premio ao Mellor Guión (2.000 euros) e o Premio á Mellor Interpretación (2.000 euros). O Premio do Público, concedido polas votacións dos espectadores despois das proxeccións, está dotado con 3.000 euros. 

Tamén volverán a concederse o Premio Xacobeo (12.000 euros), á mellor produción ou coprodución galega do festival, o Premio Eduardo Barreiros (2.000 euros), á mellor ópera prima do cinema español estreada entre setembro de 2019 e setembro de 2020 e o Premio CIMA, concedido pola Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales (CIMA) á mellor directora da sección oficial.

Tralo éxito do 25 aniversario, a pesar das limitacións motivadas pola covid-19, o equipo do festival continúa a traballar arreo para sacar adiante esta nova edición. Xa se deu a coñecer que o cartel do OUFF 2021 será deseñado polo debuxante ourensán David Rubín e nos vindeiros días desvelaremos máis novidades.