O libro “A foresta e as árbores” analiza os filmes producidos en Galicia e en galego

 

  • É o segundo volume da colección “Para unha historia do cinema en lingua galega”

 

A autora María Soliña Barreiro presentou esta mañá o libro “A foresta e as árbores”, do que é coautora e que forma parte das publicacións alleas coas que colabora o Ourense Film Festival 2019 dentro das Letras de Cine. Este volume é a segunda peza dunha colección feita polo Grupo de Estudos Audiovisuais que se iniciou o pasado ano coa publicación do libro colectivo “Marcas na paisaxe” e que levaba como subtítulo “Para unha historia do cinema en lingua galega”, ao igual que este volume.

Neste novo libro, coordinado por Margarita Ledo, adentrámonos na análise dunha mostra representativa de filmes que constrúen e normalizan o feito de producir películas na lingua propia de Galicia. Cada capítulo foi escrito por un autor diferente. María Soliña explicou a metáfóra do título dicindo que “as árbores son os filmes e a foresta é como se comezan a cubrir. Búscase establecer a normalidade do cine propio en galego non só a niveis académicos senón para o público en xeral”.

Os capítulos tratan de reflictir aspectos que pasan polo corpo, polos sentidos, polas marxes, e ten a ver coas propostas que os e as cineastas desenvolveron nas súas obras. María Soliña é autora do capítulo «Filmar o dó», que quere servir de guía polo bosque dos filmes en galego realizados nos primeiros anos do s. XXI. 

Margarita Ledo como coordinadora do proxecto encárgase de escribir o prólogo para dar paso os capítulos da propia Soliña e de autores como Fernando Redondo, Enrique Castelló, Marta Pérez Pereiro ou José Luis Castro de Paz. María Soliña tamén adiantou que, contando de novo coa editorial Galaxia, “o próximo ano sacaremos o terceiro libro desta colección que levará como título “De illas e sereas” e versará sobre o que é singular e raro no noso cinema propio”.