Luma Gómez: “Cando penso en futuro penso en mañá. Hai que ir día a día, mes a mes, e ir vendo o que se pode facer”

  • A actriz recibiu onte o Premio Fundación AISGE a toda unha traxectoria na gala de inauguración do festival

Ourense, 25 de setembro – A gala de inauguración foi o acto no que a actriz Luma Gómez recibiu o máis que merecido Premio da Fundación AISGE a toda unha traxectoria. Esta mañá, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, deu unha rolda de prensa para agradecer “o galardón tanto a AISGE, como ao OUFF (Ourense Film Festival) xa que case 50 anos de carreira dan para moito”. Cabe lembrar que, con este galardón, a Fundación AISGE renova o seu compromiso de máis de quince anos co certame ourensán. Nas últimas edicións, o premio entregado no OUFF recaeu nas figuras de Mabel Rivera (2018), María Bouzas (2019) e Rosa Álvarez (2021). 

Xose Manoel Rodríguez, coordinador de contidos do OUFF, presentouna cunha alusión ao discurso que a propia Luma dixo onte pola noite: “debe haber maior compromiso por parte das institucións coa cultura para poder seguir avanzando”. Gómez comezou dicindo que “estiven lembrando que a última vez que estivera neste festival foi entregando un premio ao xa desaparecido José Luis Cuerda no Teatro Principal”.

Tras facer un repaso pola súa amplia traxectoria, comentou que “coa miña compañía, Teatro do Noroeste, levo 30 e pico anos de traballo ininterrumpido. Sempre estreamos algo ata o de agora, con ou sen axudas, todos os anos”. De feito, preguntada pola súa futuro explicou que “eu cando penso en futuro penso en mañá. Hai que ir día a día, mes a mes, e ir vendo o que se pode facer. Mentres teña cabeza para seguir lembrando textos, eu quero seguir nas táboas”. Ademais, anunciou que “teño prevista unha cousa nova para decembro, unha obra nova”.

Unha vida sobre as táboas

Luma Gómez é unha actriz e directora ferrolá que conta con máis de cincuenta montaxes teatrais nas súas costas e con ducias de interpretacións no cine e na televisión. Sobre as táboas, destaca en obras como Os vellos non deben de namorarse, de A.R.Castelao, O enfermo imaxinario, de Moliere, Un soño de verán, de W. Shakespeare, Las Galas del difunto, de Ramón María del Valle Inclán, Eu estaba na casa e agardaba que viñese a chuvia, de Jean-Luc Lagarce co Centro Dramático Galego ou en A grande noite de Fiz, de Miguel A. Murado, Noite de Reis, de W. Shakespeare, Unha rosa é unha rosa (Unha comedia de medo), de Suso de Toro, Glass City (Ciudad de cristal), de Eduardo Alonso, ou Historias peregrinas, de Miguel Anxo Murado, con Teatro do Noroeste.

No mundo do cinema puidemola ver en filmes como El bosque animado (1997), de José Luis Cuerda, ou Urxa, de Carlos Piñeiro y Alfredo Pinal (1989). Na televisión participou en series como Celia (1991), de TVE, e en varias ficcións da TVG como Servicio de Urxencias, Pratos Combinados, A familia Pita e A Escoba.