A “Memoria Erótica” de Carlos Velo sae á luz da man do OUFF

Presentación do libro "Memoria erótica" de Carlos Velo
  • O libro recolle relatos escritos polo director ourensán e forma parte das publicacións propias do festival na súa 24 edición

 

Continuando coas presentacións das publicacións enmarcadas dentro da sección Letras de Cine, o OUFF 2019 incorpora o libro “Memoria Erótica. Carlos Velo” a catálogo de publicacións propias do Ourense Film Festival. Xosé Manoel Rodríguez, coordinador de exposicións e de talleres do festival, explicou a historia sobre o libro: “Carlos Velo veu ás Xociviga en 1985, para recibir unha homenaxe na última visita que fixo a Galicia, e entre a documentación que deixou en depósito estaban os relatos inéditos que hoxe forman esta “Memoria erótica”.

Carmen Leyte, presidenta da Fundación Carlos Velo, deixou claro que “aínda que Carlos Velo é recoñecido como director de cine, neste libro vemos tamén a súa faceta de escritor. No seu tempo publicárase unha primeira edición dos relatos, traducida a galego por expreso desexo del e agora sacamos esta edición orixinal, única e con ilustracións extraordinarias de Oro Claro”.

Os debuxos orixinais que dan forma visual ao relato de Carlos Velo poden ser visitados nunha exposición, que forma parte da programación paralela da 24 edición do OUFF, na Galería Visol ata o vindeiro 18 de outubro. O propio Xurxo Oro Claro explicou o proceso que seguiu para elaborar as ilustracións xa que “dende que me ofreceron este proxecto o setembro pasado, non dubidei en aceptalo. Tardei 3 meses en facer os debuxos con algodón e coas miñas mans, buscando os detalles que saen nos relatos e dándolle un toque plástico”.

Tamén se amosou agradecida Laura Gárdos, neta de Carlos Velo e presidenta de honor da fundación que leva o seu nome, pola labor feita polo festival e por Oro Claro, para sacar en forma de libro “esta memoria cargada de intimidade que é unha cita a cegas co mundo sensorial e que desborda cine”.

A primeira versión en galego da “Memoria erótica” de Carlos Velo saíu a luz en 1988, a cargo de Xosé Enrique Acuña e contou cun prólogo de Miguel Anxo Fernández e con tradución de Gustavo Luca de Tena. Agora a Fundación Carlos Velo  e o OUFF volven a darlle vida coa publicación dos textos en castelán, idioma no que aínda estaban inéditos.