Mikel Rueda e Germán Alcazaru presentan “El doble más quince”, unha película sobre “personaxes na procura de respostas”

 

  • A longametraxe, que tamén conta con Maribel Verdú, é un dos 3 títulos españois que compiten na Sección Oficial

  • A película adapta o curto “Caminan”, do mesmo director

 

 “El doble más quince” aterra este sábado na Sección Oficial do Ourense Film Festival (OUFF), despois de pasar polo Festival de Málaga do pasado ano e participar a semana pasada no Festival de San Sebastián. O seu director, Mikel Rueda, e o actor Germán  Alcarazu, que comparte protagonismo con Maribel  Verdú, presentaron a película no seu encontro cos medios.

“El doble más quince” é unha película que fala de “idade e de sentirse acompañado no camiño”, en palabras do seu realizador. Para Germán  Alcazaru, unha razón para vela é que “podes saír do cinema facéndote moitas preguntas”.

O filme, que conta a historia de dous personaxes “perdidos que empezan a espirse dunha maneira emocional” e cunha diferenza de idade entre eles do dobre máis quince, é a adaptación da curtametraxe “Caminan”, tamén de Mikel Rueda. De feito, a idea para esta historia naceu como como longametraxe, pero o bilbaíno decidiu realizar primeiro a curta para buscar financiamento. 

Un dos principais atractivos da longametraxe é, segundo os seus protagonistas, a química entre os personaxes principais, dúas persoas que, segundo Germán  Alcarazu, “atópanse en distintos momentos do camiño, pero no mesmo cruzamento”. Para Alcarazu, esta é a segunda película que roda con Rueda, tras debutar como actor en “A escondidas”.

“El doble más quince” proxéctase este sábado ás 20:00 horas nos Galicine do Centro Comercial. Tanto Mikel Rueda como Germán  Alcarazu acudirán á proxección.