CTV e SPi alíanse para producir Motel Valquirias, unha serie feminina que se desenvolve na fronteira galego-portuguesa en oito capítulos

  • As dúas empresas destacan as localizacións de Galicia e Portugal, así como as súas respectivas infraestruturas artísticas e técnicas
  • Conta coa participación da TVG e RTP e o apoio da Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia

Ourense, 25 de setembro – As produtoras CTV (Galicia) e SPi (Portugal) anunciaron no Ourense Film Festival (OUFF) a rodaxe de Motel Valquirias, unha serie creada por Ghaleb Jaber Martínez e dirixida por Álex Sampaio e Jorge Queiroga. A produción audiovisual realízase coa participación de Televisión de Galicia (TVG) e Radio e Televisión de Portugal (RTP) e conta co apoio da Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia. Trátase dunha dramedia feminina, con tintes de thriller, ambientada nun motel transfronteirizo entre Galicia e Portugal que se desenvolverá ao longo de oito capítulos de cincuenta minutos de duración.

A sinopse sinala que tres mulleres con problemas económicos e persoais se cruzan de forma fortuíta cun cliente do motel Valquirias que transporta unha valiosa mercadoría. Así é como Lucía –unha nai separada que foxe de seu home–, Eva –unha actriz en declive– e Carolina –a propietaria do establecemento en bancarrota– se unen para roubar o botín. Pero o que non saben as tres mulleres é que a mercadoría pertence a unha perigosa banda que se dedica a branquear cartos.

Jaber Martínez, que ademais do creador da serie é o showrunner de CTV, subliña que se trata dunha historia de “empoderamento feminino e superación persoal” polo valor que amosan as tres protagonistas. “A fazaña destas mulleres, que son quen de rachar co pasado para conquistar o seu futuro, fai que nos sintamos inevitablemente atraídos por elas e identificados coas súas decisións. Ademais xogamos visualmente cun imaxinario colectivo moi recoñecible en calquera parte do mundo: as fronteiras. Todos estes son compoñentes que a converten nunha historia universal”, tal como agrega.

José Amaral, managing director de SPi, destaca, pola súa parte, a proxección internacional dos actores lusos que van participar. “Este proxecto captou o noso interese dende o primeiro momento, porque se trata dun thriller con tintes dramáticos, que posúe unha narrativa abraiante para o espectador, materializándose a conexión entre os dous países nese espazo fronteirizo convertido no centro da acción”, segundo engade.

O potencial de Galicia e Portugal

CTV e SPi –dúas das produtoras máis importantes de Galicia e Portugal, que contan cun equipo técnico e artístico de primeiro nivel– únense na aposta por unha estratexia de distribución internacional. Esta orientación empresarial xa foi probada con éxito por CTV en series galegas como O sabor das margaridas (CTV) ou Auga seca (SPi). Agora, Motel Valquirias “quere seguir exportando ao mundo o potencial de Galicia, neste caso o da provincia de Ourense, e Portugal como escenario privilexiado para o desenvolvemento da produción audiovisual, tanto pola súa infraestrutura técnica e artística, como polas súas paisaxes e localizacións”, conclúen senllas produtoras.