O director Xavier Bermúdez imparte un taller sobre cine aos reclusos do Pereiro de Aguiar

Xavier Bermúdez en el Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar
  • Este obradoiro ten como obxectivo achegar o cine aos internos para que o vexan como algo que teñen ao seu alcance

  • Buscábase “facelos sentir que os elementos básicos están a súa disposición e que, con práctica, pódese sacar adiante un guión”

Ourense, 5 de setembroO cineasta ourensán Xavier Bermúdez impartía este xoves no Centro Penal Pereiro de Aguiar a primeira das catro xornadas dun taller que levará a cabo, cunha vintena de internos, no marco das actividades de formación que o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) ten programadas nesta 24 edición.

Ao acto de inauguración acompañouno o coordinador artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández, apostando unha vez máis pola formación como un dos alicerces do seu programa. Tamén asistiu Francisco González Pérez, director do centro, e que quixo destacar moi positivamente que “como centro pioneiro e referente na reeducación e reinserción social, contemos coa colaboración de profesionais cunha gran traxectoria artística, que tomando como base a súa propia experiencia, compartan cos internos os seus coñecementos”.

O taller impartido por Bermúdez tiña como obxectivo principal achegar o cinema e o proceso de realización audiovisual aos internos do centro penal. A actividade foi recibida con gran entusiasmo. Tratábase de “quitarlles o medo e ensinarlles as ferramentas básicas para compoñer un guion. Non se necesita un gran estilo literario nin nada especial. O cinema é unha arte popular e está ao alcance de calquera” afirmou Xavier Bermúdez, Calpurnia de Honra do OUFF 2018, á súa saída.

Unha das finalidades que tiña en mente o director era “facerlles sentir que os elementos básicos están á súa disposición e que, usándoos e con práctica, pódese sacar adiante un  guion”. Tamén destacou “a avidez e o interese por descubrir algo que non coñecían e que lles parecía que estaba moi lonxe do seu alcance. Tiña un pouco de medo á acollida e a verdade que me sorprendeu o entusiasmo. Participaron todos desde o primeiro momento”. Bermúdez quixo salientar que “hoxe en día é máis fácil probar no cinema. Cun móbil podes facer unha curtametraxe. Aínda que os medios estean limitados, é máis fácil que nunca facer unha narración audiovisual”. 

Xavier Bermúdez regresou ao Centro Penitenciario de Pereiro da man do OUFF tras asistir ao visionado de “León e Olvido” o pasado ano. “Esta actividade debería ter continuidade. Senón é comigo, con outra persoa. Paréceme moi importante que se colabore con cursos e talleres para que eles se sintan partícipes das cousas que se fan na sociedade” afirmou o cineasta. Esta edición intensifícase a relación do OUFF co centro penitenciario e, ademais deste taller, volverase a realizar algunha actividade como a do pasado ano. 

O OUFF, que este ano celebra a súa 24 edición do 27 de setembro ao 5 de outubro, está organizado pola Deputación de Ourense co patrocinio da Xunta de Galicia, o  Concello de Ourense, ABANCA, GADIS e a Fundación AISGE.