O OUFF lembra a rodaxe de “Monsignor Quixote” en Oseira, no 1985, cun mural conmemorativo e cinema ao aire libre

 O espazo adicado a publicacións escritas continúa aumentando no OUFF, onde esta mañá o director do festival, Miguel Anxo Fernández, presentou o libro “Monsignor Quixote. O filme que nunca se viu”. Unha obra na que traballou durante os últimos 15 anos, para completar con todo tipo de datos, fotografías e anécdotas do que foi a rodaxe de Monsignor Quixote en Galicia no ano 1985, e na que el, como espectador, estivo presente. Unha crónica daqueles días de rodaxe que seguiu no día a día e que trouxo a Ourense a un dos protagonistas de filmes míticos da historia do cine como El puente sobre el río Kwai, Lawrence de Arabia, La caída del Imperio Romano, Doctor Zhivago, e La guerra de las galaxias, entre moitos outros.

 

Miguel Anxo Fernández e o xornalista Xosé Manoel Rodríguez (compañeiros do cineclube Carballiño por aquel entón) recordaron na presentación o que supuxo tal evento na vila, onde nas rúas, abarrotadas, falábase máis inglés que galego: “Carballiño parecía Marbella”, lembrou Rodríguez. O filme nunca chegou a estrearse en España, sospéitase que por negativas de tipo relixioso, debido ao contido dalgunhas das súas escenas. Mais o OUFF 29º, agardando saldar esa débeda que existe coa película, realizará dous pases de  Monsignor Quixote, un a noite do luns ao aire libre, na Praza Maior de Cea, e outro na propia cidade de Ourense o venres 4. Unha gran oportunidade para ver unha película que narra, en clave de road movie, a peripecia do crego que da nome á novela e o ex alcalde comunista Sancho Zancas, que nun Seat 850 viaxan desde El Toboso ata Galicia e rematan a súa fuxida na abadía de Oseira, perseguidos pola garda civil.

 

Para lembrar esta rodaxe nun dos escenarios máis icónicos, o Mosteiro de Oseira, colocouse no lugar un mural conmemorativo, con imaxes da rodaxe e lembranzas. Unha acción que o festival xa realizou noutras edicións cos filmes A Lingua das borboretas (Cuerda), El bosque del lobo (Olea) e Cotolay (Nieves Conde) en Allariz, A Bola e Ribadavia, respectivamente, con información para os visitantes nunha actividade que conta co apoio de Turismo, de Xunta de Galicia.  Asistiron ao acto Miguel Anxo Fernández, director do OUFF e autor do libro sobre a rodaxe, da que foi espectador; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e Jose Luis Valladares, alcalde de Cea

 

O OUFF LAB presenta a primeira película como directora de Ledicia Sola

No OUFF LAB desta xornada contamos co novo proxecto As augas da actriz Ledicia Sola, que se embarca por primeira vez na dirección cunha película filmada íntegramente en Ourense. O lugar ao que, como ela mesma afirmou, pertence dende sempre. A auga, a pertenza e a experiencia personal, serán factores clave desta autoficción na que Sola pretende representar a mulleres normais con problemas reais. Acompañouna o produtor Alfonso Zarauza, que recoñeceu a súa clara intención de apostar polo traballo de novas cineastas galegas. As cales, considera, non estaban recibindo o apoio que se merecen. Empezou esta iniciativa fai anos coa produción de Arima (Jaione Camborda) e afirma que as cousas están cambiando para ben nos últimos anos, nas que as barreiras son menores ou moito máis franqueables. As augas, que conta xa cun presuposto que ronda o medio millón de euros, convertirá o próximo ano a comarca de Ourense en plató cinematográfico.