O Ourense Film Festival (OUFF) recoñecerá na súa 29º edición coa Calpurnia de Honra ao director Rodrigo Cortés (Pazos Hermos, Cenlle, Ourense, 1973). O OUFF quere sinalar a súa “condición de singular contador de historias na cinematografía española das dúas últimas décadas, polo seu frescor narrativo e polo seu manexo dunha linguaxe elegante nas formas”. Ademáis, poñen en valor “a súa orixinal escrita literaria na que poden rastrearse trazos quizais vinculados a súa orixe ourensán-galaica, que, ao cabo, redondean a un personaxe sen par”.
A traxectoria de Cortés destacou dende os seus inicios, a curtametraxe 15 días (2001) é a curta máis premiada do cinema español e acadou grandes recoñecementos de crítica e público con filmes como Buried -a súa segunda longametraxe- Premio Goya a Mellor Montaxe e protagonizada por Ryan Reynolds. En Luces Rojas (2012) traballou cun reparto de estrelas como Robert de Niro e Sigourney Weaver. O 31 de outubro voltará aos cinemas con Escape unha adaptación da novela de Enrique Rubio sobre un conflitivo preso nunha cárcere, protagonizada por Mario Casas, Anna Castillo e Guillermo Toledo, entre outros, conta na producción con Martin Scorsese.
Ademáis, combina o seu traballo de cineasta co de escritor, Sí importa el modo en el que un hombre se hunde foi a súa primeira novela, publicada en 2014. Tamén é autor dos títulos Dormir es de patos e Los años extraordinarios, o pasado mes de maio publicou a colección de relatos Cuentos telúricos. É un colaborador habitual do diario ABC, onde firma Verbolario, un diccionario satírico que inspirou o seu quinto libro, do mesmo título. Forma parte dos podcast Aquí hay dragones e Todopoderosos.
O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo co patrocinio principal da Deputación de Ourense e o apoio da Xunta de Galicia.