Os festivais de cine de Ourense e Angouleme, irmandados

  • Manuel Baltar asinou hoxe o acordo co actor José García, Calpurnia de Honra Internacional en 2019

  • Na vindeira edición do OUFF exhibirase un ciclo especial dedicado ao cinema francófono, ademais doutras colaboracións

Os festivais de cine de Ourense e Angouleme (Francia) irmándase para levar a cabo iniciativas conxuntas no ámbito cinematográfico. Así o acordaron hoxe, no Pazo Provincial, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e o actor José García -premio Calpurnia de Honra Internacional en 2019-, en representación do certame francés. O compromiso permitirá que na vindeira edición do OUFF se exhiba un ciclo especial dedicado ao cinema francés, ademais doutras colaboracións.

O acordo chega logo do compromiso amosado por José García co Festival de Cine de Ourense na edición pasada para abrir novas vías de internacionalización no país galo e fomentar o intercambio de proxectos entre ámbolos dous países. Baltar destacou logo da sinatura do convenio que é unha honra “contar nesta 25ª edición do OUFF con José García, gran embaixador do festival e un actor de recoñecido prestixio en Francia e a nivel internacional. El está un ano máis connosco, e dando rendabilidade a ese labor de promoción do OUFF, porque o convenio que hoxe asinamos supón o inicio dunha canle de colaboración cara ao futuro, que proxecta outra imaxe do Festival de Ourense no ámbito internacional, da man dun dos grandes de cinema francés”.

O presidente do goberno provincial salientou que “estamos a vivir uns días importantes, mañá co inicio do festival, e durante todas estas xornadas que quedan por diante, nas que o OUFF, unha vez máis, amosará o seu gran nivel organizativo e de proxección e visibilidade da nosa provincia como un plató de cinema único e con inmensas posibilidades de futuro”.

Pola súa banda, José García dixo que este acordo entre o OUFF e Angouleme “permitirá traer a Ourense, con carácter exclusivo, películas francesas, incluso antes de que se exhiban, e tamén equipos internacionais”, o que redundará nunha grande proxección para a provincia de Ourense.

Fillo de emigrantes do Carballiño, José García é unha das grandes estrelas do cinema galo, onde protagonizou máis de sesenta longametraxes e traballou con grandes como Costa-Gavras (Arcadia, 2005, que foi proxectada na 24 edición do OUFF), Jean-Jacques Annaud (Su majestad Minor, 2007), Regis Wagnier (Plaga final, 2007), en España con Carlos Saura (El 7º día, 2004) e Miguel Curtois (Gal, 2006).

Protagonista de comedias de éxito, como Astérix y los Juegos Olímpicos (2008), tivo como compañeiros de reparto a grandes do cinema francés como Michel Serrault, Charles Aznavour, Jean-Paul Belmondo e Alain Delon, ademais de actrices como Isabelle Huppert, Marion Cotillard, Rossy de Palma, Carmen Maura. Recentemente estreou en España Lola y sus hermanas, Pequeñas mentiras para estar juntos e Sin filtro. Actualmente está a promocionar en Francia 30 jours max, ten pendente de estrea a coproducción de mayoría chinesa The Hunting e prepárase para recuperar o seu personaxe de Couverdepus na nova entrega de Astérix et Obélix, l’empire du Milieu, ás ordes de Guillaume Canet.