Os Premios OUFF Escola 2022 repartirán 3.000 € en premios

A Concellaría de Educación do Concello de Ourense en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca o XIII Certame de Cinema Internacional Escolar OUFF Escola.

O OUFF Escola contempla dúas categorías:

A) Infantil e primaria

B) Outros niveis de ensino non universitario (agás as escolas oficiais de Imaxe e Son)

As inscricións serán enviando o cuestionario que aparece na sección de OUFF Escola das páxinas web www.educacionourense.com e aquí antes do 8 de xullo 2022.

Esta actividade ten como obxectivo impulsar o idioma galego entre a mocidade de ensino non universitario pertencente a centros públicos e privados de Galicia durante este curso así como aqueles de fóra da Comunidade que teñan materias en lingua galega. Ademais, con esta actividade preténdese coñecer a visión da mocidade sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico. Este certame pretende, así mesmo, potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas.