Dúas das películas do OUFF 2019, entre as tres seleccionadas para representar a España nos Oscars

Oliver Laxe
  • “O que arde” e “La trinchera infinita” formaron parte da Sección Oficial da pasada edición do OUFF

  • A película de Oliver Laxe fíxose con dous premios, o Premio Especial do Xurado e o Premio Galicia

  • “La trinchera infinita” foi o filme de clausura da 24 edición

 

Esta mañá déronse a coñecer as tres películas preseleccionadas pola Academia de Cine para representar a España nos Oscar de 2021. “O que arde” de Oliver Laxe, “La trinchera infinita” de Jon Garaño, Aitor Arregi e José Mari Goenaga, e “El hoyo” de Galder Gaztelu-Urrutia son as escollidas. O día 3 de novembro darase a coñecer o título que optará ao premio da Academia de Cine de Hollywood. Dous destes filme son vellos coñecidos do Festival de Cine de Ourense, xa que os tivemos con nós na Sección Oficial do pasado ano.

“O que arde” do director Oliver Laxe fíxose na 24 edición do OUFF con dous galardóns. O Premio Especial do Xurado, pola “súa capacidade lírica para denunciar un mundo en extinción”, e o Premio Galicia, xa que máis alá dos seus valores plásticos e formais, amosaba un gran compromiso coa identidade e a lingua galega, a súa reivindicación da terra e os valores da mesma. Ademais, Laxe impartiu un obradoiro durante os días do festival. O filme, que se fixo con dous Goyas, contou co apoio da Deputación de Ourense.

Pola súa banda, a outra película seleccionada, “La trinchera infinita” foi elixida como película de clausura do 2019. Un dos seus directores, Jon Garaño, estivo presentando o filme en Ourense xunto co actor Vicente Vergara. Dende o OUFF queremos enviarlle a nosa felicitación a ámbolos filmes e desexarlles moita sorte de cara a elección do mes de novembro. ¡Parabéns!