O OUFF homenaxea ao seu primeiro director Eloy Lozano

  • Eduardo Galán presenta a monografía que escribiu sobre o cineasta “Eloy Lozano: o cineasta que devoru a luz!
  • O OUFF proxecta no Teatro Principal a súa única longametraxe “Las Bellas Durmientes”

A edición número 25 do Festival de Cine de Ourense homenaxeou esta mañá ao seu fundador e director do primeiro certame, Eloy Lozano. Un acto de lembranza a unha figura multidisciplinar e poliédrica “aproveitando os 25 anos dun certame que hoxe é unha realidade consolidada: o festival de referencia de Galicia”. Así o asegurou Miguel Anxo Fernández, director artístico do OUFF, nun acto presentado por Iria Sobrado e que contou coa participación de Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense e Eduardo Galán, autor dunha monografía adicada á figura do cineasta, e Delfina Meire, a primeira actriz que rodou con Eduardo Lozano “Retorno a Tagen Ata” na Merca.

“Artista multidisciplinar, home do Renacemento, figura complexa”, así define Eduardo Galán a presenza de Eloy Lozano no mundo do cine e audiovisual galego. Un artista “borderline, que quería traer a Ourense un cinema fóra dos circuitos. O seu cinema no era tampouco un cinema comercial que busque ao público de forma directa senón que o público debe buscalo”.

A monografía feita por Eduardo Galán, que lembra a traxectoria de quen foi unha figura imprescindible do audiovisual galego, foi o preludio da proxección da súa longametraxe “As belas dormentes”. “Un filme dunha consistencia plástica e unha beleza inmensa”, destacou Galán, “un autor capaz de crear Belas dormentes debe ser recordado sempre”.

“Eloy Lozano, o cineasta que devorou a luz”

Baixo este título está a monografía que o crítico de cine e escritor Eduardo Galán fixo lembranza de Eloy Lozano. O libro recorda a obra de Lozano a través das conversas que o seu autor mantivo cos seus familiares, amigos e colaboradores, entre eles Xavier Bermúdez, que inaugurou a 25 edición do Festival de Cine de Ourense, e coñeceu a Lozano na súa estancia de xuventude en Madrid “onde se curtiu nesta profesión que é a de crear soños”. Tamén das súas propias lembranzas, xa que Galán e Lozano eran coñecidos e traballaron xuntos. 

A publicación de “Eloy Lozano, o cineasta que devorou a luz” forma parte do catálogo de obras propias que o OUFF recuperou hai tres anos, e que nas pasadas edicións repasaron tamén a traxectoria do cineasta Xavier Bermúdez e a produtora Vaca Films.

Las Bellas Durmientes

Foi a única película de Eloy Lozano dentro dunha filmografía na que destaca a súa produción documentalista. O filme foi rodado en Galicia, en inglés, e adapta unha obra do Premio Nobel Yasunari Kawabata. Conta cun reparto internacional liderado por Clive Arrindell, o coñecido rostro dos anuncios do Sorteo de Nadal da Lotaría Nacional. 

Eloy Lozano foi un profesional multidisciplinar. Traballou sobre todo no mundo da publicidade, “que sería un libro ao marxe” como recoñece Eduardo Galán, aínda que deixou unha pegada imborrable no cine. Ademais de dirixir a primeira edición do certame ourensán, daquela Festival de Cine Independente de Ourense (1996), realizou a primeira curtametraxe en 35 milímetros rodada en galego, “Retorno a Tagen Ata”. Nos anos oitenta realizou traballos innovadores como “Numeralia” ou “Catro escultores”. Posteriormente realizou unha serie de televisión sobre arquitectura contemporánea, titulada “Idea e Territorio” e máis o documental “Quen son?” (2008) onde reflexionaba sobre a identidade galega. Impulsou a restauración do filme “O carro e o home”, rodado en 1941, e fundou a produtora Off Filmes.