Palmarés OUFF 2021 

  • Playground, de Laura Wandel, faise coa Calpurnia á mellor película

  • Ferit Karahan por Mi mejor amigo leva o premio á mellor director

  • O Premio Xacobeo vai para Malencolía e Eles transportan a morte

 

Ourense, 30 de setembro– A 26 edición do OUFF (Ourense Film Festival) xa coñece aos seus gañadores. O director do festival, Miguel Anxo Fernández, estivo acompañado no acto por Manuel Baltar, presidente da Deputación, e por Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta en Ourense. Baltar quixo, en primeira instancia, felicitar aos premiados “é un palmarés que amosa a esixencia do Festival, dunha enorme calidade e que dadas as moitas nacionalidades dos participantes permite ver unha enorme creatividade nas salas”. Tamén quixo destacar “con satisfacción máxima que o mellor cinema de Galicia se roda en Ourense e que, vendo o palmarés do xurado e a resolución da comisión mixta, o OUFF se está convertendo nunha cita imprescindible para os amantes da sétima arte”. Gabriel Alén,  insistiu en  “seguir apostando polo OUFF como o festival de Galicia” e na “idea de que Ourense sexa plató, lugar de gravación de importantes peliculas e un lugar de referencia cinematográfica e visita de grandes películas a nivel nacional e internacional”.

Palmarés Oficial 2021

Reunido o xurado do concurso de longametraxes da XXVI edición do Festival de Cine Internacional de Ourense – OUFF 2021 composto por Iván Trujillo como presidente, Paula Cons, Patricia Roda, Manane Rodríguez e Carlos Amaral acorda outorgar o siguiente Palmarés:

CALPURNIA Á MELLOR PELÍCULA:

PLAYGROUND DE LAURA WANDEL (BÉLXICA), unha película protagonizada por dous nenos que conseguen facernos dubidar de se son actores polo incrible traballo que realizan. Un achegamento honesto, coherente e orixinal ao tema do acoso.

PREMIO CARLOS VELO Á MELLOR DIRECCIÓN:

FERIT KARAHAN POR MI MEJOR AMIGO (TURQUÍA-ROMANÍA), o director transita dun xeito natural entre un estilo documental e a planificación máis coidada, nun filme que sorprendentemente se despega do drama para rematar sendo un refrescante filme policial.

PREMIO ESPECIAL DO XURADO:

UZI DE PEPE VALLE (MÉXICO), un filme coidado visualmente, con momentos brillantes de guión e un personaxe que evoluciona e provoca grandes sorpresas.

PREMIO AO MELLOR GUIÓN:

AARON BROOKNER, ANA ROCHA DE SOUSA, PAULA VACCARO POR LISTEN (PORTUGAL-REINO UNIDO), un guión cheo de intencións cinematográficas, de brillantes sombras e secretos pero cunha fortísima base de investigación e verdade.                                                                                                                      

PREMIO Á MELLOR INTERPRETACIÓN

SOFIA KAPPEL POR PLEASURE (SUECIA), unha interpretación refrescante, abrumadora, chea de verdade e que consegue non resultar maniquea. 

Premio CIMA 

CIMA, Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales, outorga o galardón á mellor cineasta a directora Laura Wandel de Playground.

Premio Xacobeo

A comisión mixta conformada pola organización do 26 Ourense Film Festival e a Xunta de Galicia, acorda conceder o Premio Galicia-Xacobeo, dotado de 12.000 euros, ex-aequo a sendos filmes coincidentes en dous vectores: responden a xeitos de produción diferentes e ter sido rodados total ou parcialmente en Ourense para Malencolía e Eles Transportan a Morte

 

MALENCOLÍA, por responder a un modelo de execución marcado polo seño autoral de Alfonso Zarauza a través da produtora Maruxiña, na liña dos pequenos estudios independentes do cinema clásico, con directores que gustan de traballar cun mesmo equipo de profesionais cómplices co seu estilo, ao tempo que desenvolven historias propias moi apegadas á antropoloxía do país, aquí afrontando o estado de ánimo da melancolía coas súas interesantes variables a través da peripecia dunha parella que retornan da emigración para un catarse persoal, sen por iso renunciar na súa resolución visual, á mestizaxe de xéneros, incluída a truculencia do fantástico e o terror, e máis a un salientable traballo do reparto.

ELES TRANSPORTAN A MORTE, na que os trazos autorais dos debutantes Helena Girón e Samuel M. Delgado, supedítanse, total ou parcialmente, a unha maneira de entender as imaxes por parte da produtora Filmika Galaika, na procura dun cinema que, ao tempo que traballa novas formas de expresión, vai dando oportunidades a valores novos, mentres reivindica contornas propias da comunicación audiovisual, neste filme a través dunha trama ambientada no cumio do século XV cuns personaxes á marxe do mundo, nunha viaxe coa que tentan de mudar a lectura da historia oficial ao tempo que alteran a narrativa, co uso dos sons e as imaxes en clave experimental.