“Parásitos” fai historia nos Óscar tras saír triunfadora do OUFF

 

  • O OUFF foi o único festival que premiou o filme en España

  • Fíxose con dous galardóns: a Calpurnia á Mellor Película e co Premio ao Mellor Guión

 

A película coreana “Parásitos” e o seu director Bong Joon-ho fixeron historia esta noite na 92 edición dos Óscar, os premios máis importantes de cine a nivel mundial. O filme acadou catro premios, entre os que destaca o de Mellor Película, sendo a vez primeira que unha película de fala non inglesa se fai con este galardón. Ademais conseguiu tamén os premios de Mellor Película Internacional e os de Mellor Director e de Mellor Guión Orixinal para Bong Joon-ho.

En Ourense xa puidemos desfrutar desta película competindo na Sección Oficial do OUFF 2019. É máis, fomos o único festival de cine de toda España en premiala. O filme coreano fíxose coa Calpurnia á Mellor Película, máximo galardón que concede o festival, e tamén co Premio ao Mellor Guión para Bong Joon-ho. Despois chegarían, ademais dos citados Óscar, os Globos de Oro, os Critics’ Choice Awards ou os BAFTA, que tamén quixeron recoñecela como unha das películas do ano a nivel mundial. Previamente xa se fixera coa Palma de Oro en Cannes.

“Parásitos” chegou á cidade despois de pasarse pola sección PERLAK do Festival de San Sebastián e conseguiu encher as salas dos cines do Ponte Vella en tódalas proxeccións. Isto dá boa conta do alto nivel da programación que o OUFF intenta vencer cada ano e que, sen dúbida, conseguirá superar para a edición deste 2020. Outra mostra deste nivel é que nos Goya deste ano houbo películas que estiveron presentes no último OUFF en case tódalas categorías da competición.

A edición deste ano será unha das máis especiais coincidindo co 25 aniversario. Lembramos que esta nova cita co cine en Ourense terá lugar entre o 25 de setembro e o 3 de outubro. Pronto anunciaremos novidades.