O director Pepe Valle ofrece en Uzi “unha reflexión persoal sobre a violencia en México” 

  • A longametraxe, que poderá verse por primeira vez en España este domingo, compite na Sección Oficial do festival

  • O proxecto leva case unha década xestándose na mente do seu director

 

Ourense, 26 de setembro– O Ourense Film Festival (OUFF) acolle este domingo a estrea en España de Uzi, longametraxe mexicana que compite na Sección Oficial. O seu director, Pepe Valle, define a película como “unha reflexión persoal sobre a violencia en México”, que se diferencia doutros títulos que abordan o mesmo tema porque “non é unha película con violencia ou de violencia, senón que reflexiona sobre os ecos que esta ten”. A historia vira ao redor de Uzi, un ancián comerciante que na súa mocidade foi un asasino a soldo.

Pepe Valle, que está en Ourense para presentar a súa película ao público (este domingo asiste á primeira proxección nos cinemas Ponte Vella), confesa que esta obra leva xestándose desde 2012, cando, nunha conversación entre amigos, un neno de 10 anos confesou que, ante un hipotético fin do mundo, o último que lle gustaría facer sería “matar”.

Uzi é a cuarta longametraxe do director mexicano, que tamén asina o  guión e que participou cos seus traballos anteriores en festivais como a Berlinale, San Sebastián ou Guadalaxara (México). Valle recoñece que a industria do cinema mexicana vive a súa auténtica “época de ouro”. “Nos anos 90 chegáronse a facer 9 películas por ano, agora estanse facendo 200, e estanse facendo 50 series para plataformas”. Matiza, con todo, que moitas desas producións están “endiosando aos capos do narcotráfico, o que xera un círculo vicioso, porque os nenos queren ser como eles para ser famosos”.

Uzi poderá verse nos cinemas Ponte Vella este domingo ás 17:00 horas, o martes día 28 ás 22:00 horas e o xoves 30 ás 19:30 horas.