A produtora Beli Martínez, primeira galardoada co premio Chano Piñeiro do OUFF

Beli Martínez, premio Chano Piñeiro del OUFF
  • O galardón, que se concederá por primeira vez este ano, recoñece o esforzo dos emprendedores do audiovisual galego

A produtora e profesora Beli Martínez recibirá o premio Chano Piñeiro na próxima edición do Ourense Film Festival (OUFF). Carmen Leyte, presidenta da Fundación Carlos Velo, organizadora do certame co apoio principal da  Deputación de Ourense, foi a encargada de comunicarlle o galardón, un “recoñecemento polo seu labor desde Filmika Galaika ó apostar nos últimos anos por potenciar e dar a coñecer unha fornada de novas creadoras e creadores galegos, facendo posible a realización dos seus soños audiovisuais con notable proxección internacional”.

O Ourense Film Festival institúe por primeira vez o premio Chano Piñeiro como recoñecemento ós emprendedores do audiovisual galego, profesionais que dende diferentes frontes sacan adiante os seus proxectos, en ocasións á marxe da industria estandarizada. Así é como o cinesasta de Forcarey logrou facer realidades, entre 1985 e 1989, a sus primeira longametraxe, Sempre Xonxa, botando man de solucións imaxinativas para atopar os apoios económicos necesarios e a complicidades emocional da sociedade galega. Por iso o premio leva o seu nome.

Beli Martínez (A Guarda, 1980) é responsable, dende Filmika Galaika, de longametraxes coma Longa Noite, de Eloy Enciso, galardoado no prestixioso Festival de Locarno; Those that, at a distance, resemble another, de Jessica Sarah Rinland ou Arraianos, tamén de Enciso. Unha das súas producións máis recentes é a curtametraxe Sycorax, de Lois Patiño e Matías Piñeiro, que foi seleccionada para participar na Quincena de Realizadores do último Festival de Cannes. Tamén produciu Eles transportan a morte, que foi parcialmente rodada en Ourense.

Ademais, Martínez é Doutora en Comunicación Audiovisual e exerce a docencia na Universidade de Vigo e o IES Audiovisual de Vigo. A súa tese doutoral foi pioneira en estudar o Novo Cinema Galego.

A galardoada recibirá o premio na gala inaugural do OUFF, o próximo 24 de setembro, en presenza da viúva de Chano Piñeiro, Mariluz Montes.