“Viaje al cuarto de una madre”, de Celia Rico, recibe o Premio Eduardo Barreiros

  • A película inaugura o galardón que o OUFF entrega á mellor ópera prima realizada no último ano

  • A directora Celia Rico e a actriz Lola Dueñas presentaron este domingo a longametraxe, que califican de “peliculón, aparentemente pequeniña, pero peliculón”

  • “Viaje al cuarto de una madre” proxectarase esta noite no Teatro Principal tras a entrega do premio nunha gala presentada por Marcos Rocha

Con motivo do centenario do nacemento de Eduardo Barreiros, unha das figuras fundamentais do motor en España, a 24ª edición do Ourense Film Festival (OUFF 2019) entrega un premio co nome do emprendedor  ourensán á mellor ópera prima do cinema español estreada no último ano, entre setembro e setembro, ano natural do festival. “Viaje al cuarto de una madre” de Celia Rico é a longametraxe elixida, que recibirá o galardón este domingo no Teatro Principal.

A directora Celia Rico e a actriz Lola Dueñas visitaron o festival para recibir o premio e falar da película, “aparentemente pequeniña pero peliculón”, en palabras de Dueñas, que foi nomeada ao Goya a mellor actriz principal por este traballo. A actriz, que se inspirou na nai da directora para crear o personaxe, confesou que dubidou en aceptar o papel porque o imaxinaba “a alguén maior”, pero que o traballo de Celia Rico e a súa complicidade con Anna Castillo, que interpreta á súa filla na ficción, convencérona.

Pola súa banda, Celia Rico destaca “o traballo delicado, profundo e tan ben feito” das dúas actrices así como a súa implicación no proxecto. “Foron moi xenerosas co tempo que me deron”, asegurou. 

O Premio Eduardo Barreiros súmase aos xa recibidos pola película no último ano e nos que destacan catro nominacións aos Premio Goya 2018 incluídas mellor dirección novel, mellor montaxe e mellor actriz protagonista e de reparto; Premio Feroz á mellor actriz de reparto (Anna Castillo); e Premios Gaudí ao mellor guión, actriz e actriz secundaria.

O acto de entrega do premio terá lugar esta noite ás 20:00 horas no Teatro Principal nunha gala presentada por Marcos Rocha á que asistirán Lola Dueñas e a directora Celia Rico. Serán Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, Juan Cid, representante da Fundación Eduardo Barreiros, e Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do festival, os encargados de facer entrega do galardón.

Vinculado co emprendedor ourensán, o OUFF 2019 ten programado xa dentro do ciclo de Sesións Especiais, a proxección do documental “Barreiros, Motor humano”. Será o venres 4 de outubro, ás 20.00 horas tamén no Teatro Principal.

Eduardo Barreiros

Partindo dun pequeno taller en Ourense, Eduardo Barreiros, iniciou un gran complexo industrial empresarial que contribuíu decisivamente á motorización de España. O emprendedor ourensán é coñecido pola transformación patentada de motores de gasolina a diésel​ e pola posterior fabricación de camións e vehículos industriais. A súa figura serve de inspiración para a incorporar no OUFF 2019 un novo recoñecemento dentro do sector audiovisual.