A Fundación AISGE premia no OUFF a traxectoria de María Bouzas

María Bouzas

A Fundación AISGE decidiu outorgar o Premio A Toda Unha Traxectoria dentro do 24º Festival de Cinema de Ourense (OUFF) á actriz coruñesa María Bouzas, como recoñecemento a súa ampla andadura en tódalas ramas da interpretación e o seu compromiso coa profesión e a sociedade civil galega. A delegada de AISGE en Galicia, a tamén actriz Isabel Blanco, será a encargada de facerlle entrega do galardón. O nome de Bouzas reforza o compromiso da Fundación  AISGE coa cita cinéfila ourensá, coa que este outono cumprirá un total de 15 anos de colaboración, e súmase a outras figuras destacadas da escena galega que recibiron o aplauso desta entidade de xestión de propiedade intelectual. No caso de 2018, a recoñecida coa figura foi Mabel Rivera.

Bouzas, de 57 anos e natural de Mugardos, é a socia número 518 de AISGE, entidade da que forma parte desde decembro de 1991. Nos últimos anos gozou de gran repercusión a nivel estatal pola súa destacada presenza en “El secreto de Puente Viejo”, a serie de Antena 3 na que desde 2011 encarna á maquiavélica e vingativa Francisca Montenegro. Antes de todo iso, os telespectadores galegos xa a coñecían ben pola súa participación en teleseries da TVG como “Pratos combinados” (onde deu vida a Charo) ou “Terra de Miranda”, no papel de Carmela.

A nova galardoada por AISGE xa acumula outros recoñecementos importantes na súa traxectoria, o máis significativo o Premio de Honra Fernando Rey nos Mestre Mateo do audiovisual galego de 2018. Naquela ocasión, Bouzas quixo reivindicar o mundo da creación cinematográfica e televisiva como “un auténtico espazo de liberdade, creación e respecto”. A mugardesa foi precisamente presidenta da Academia Galega  do Audiovisual entre 2006 e 2009. A aquela figura debemos sumarlle, por agora, cinco Mestre Mateo, dous María Casares de teatro e un Premio da Cultura Galega.

Criada durante os seus anos mozos en Suíza, do mesmo xeito que tantos outros galegos e galegas (como a propia Isabel Blanco), María debutou sobre os escenarios da man de Mario Gas, que a reclamou para “O mozo que chegou de lonxe” na montaxe de 1987 a cargo do Centro Dramático Galego. Logo chegaría a súa propia compañía teatral, que codirixe xunto á súa amiga, homóloga e homónima María Pujalte. Xuntas fixéronse chamar, como non podía ser doutro xeito, Compañía de Marías.