O Premio Historia do Cine Español será para Enrique Cerezo

  • Manuel Baltar destacou “o seu loable labor de anos vinculado á industria do cinema e como gardián dunha gran parte do cine español”

  • O galardón entregarase nunha gala na que se proxectará Cotolay, filme conservado pola súa distribuidora e rodado na provincia de Ourense

O produtor Enrique Cerezo recibirá o Premio Historia do Cine Español durante a 26 edición do Ourense Film Festival (OUFF) como referente na cinematografía española, ao posuír preto do 70% dos títulos españois. A gala de entrega do premio terá lugar no Teatro Principal de Ourense, previamente á proxección do filme Cotolay, rodado en boa parte en Melón e Ribadavia, entre outros lugares de Galicia, durante o verán de 1965, e que forma parte do Ciclo Xacobeo.

O galardón foille comunicado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que destacou “o seu loable labor de anos vinculado á industria do cinema e como gardián dunha gran parte do cinema español dende o período silente, promovendo o seu rescate e conservación para goce do público actual e das novas xeracións, sendo para Ourense e o seu festival, unha referencia”, engadindo que “entre os seus fondos, conserva moitos filmes rodados en Galicia ao longo da historia, algúns deles en Ourense, caso de Cotolay, que se proxectará dentro do ciclo dedicado ao cinema xacobeo”. 

O gardián do cine español

Enrique Cerezo (Madrid, 1948) foi un apaixonado do mundo do cine dende neno. Pódese dicir que comezou a súa carreira como proxector das películas do seu colexio e xa non se separou do sétimo arte. A súa primeira incursión profesional foi como axudante de cámara en Un millón en la basura (1967) de José María Forqué, á que seguirían roles técnicos en ¿Qué hacemos con los hijos? e en Vente a Alemania, Pepe. No ano 74 dirixiu a súa primeira curta La sonrisa del sol: Almería.

Nos 80 camiña cara a produción de películas ata crear, a principios dos 90, a súa propia produtora Enrique Cerezo P.C. O seu labor de produtor inclúe títulos como El Perro del Hortelano, Las brujas de Zugarramurdi, Las trece rosas, Juana la Loca, El oro de Moscú, Siete mesas de billar francés ou 1898: Los últimos de Filipinas, entre outros moitos. Colaborou durante estes anos con recoñecidos directores como Imanol Uribe, Emilio Martínez Lázaro, Álex de la Iglesia, Darío Argento, Pilar Miró ou José Luis Cuerda. Dende 1998 preside EGEDA (Entidad de Gestión de Derechos de los Productores Audiovisuales).

Pero ademais de produtor (e presidente do clube Atlético de Madrid), Enrique Cerezo destaca no seu labor como recuperador e distribuidor de cine, con máis de 7000 títulos, dos cales un 80% proceden do cine español. Mediante a distribuidora Mercury Films provéese a cadeas de televisión internacionais, estatais e autonómicas dende hai décadas. No seu catálogo pódense atopar filmes de Buñuel, Amenábar, Alex de la Iglesia, Fernando Trueba, Julio Medem ou Berlanga e películas imprescindibles da nosa historia como Viridiana, Los Otros, Bienvenido Mr. Marshall,Tesis, Ay Carmela, Belle Époque ou El espíritu de la colmena. Polo tanto, pódese dicir que a memoria cinematográfica de España está nas súas mans.