O premio Ourense concédese a aquel profesional do cine que teña destacado en algún aspecto da súa labor no audiovisual, non necesariamente a traxectoria de toda unha vida, senon incluso por algún aspecto concreto que o faga destacar coxunturalmente.

Este ano o galardón concédeselle ao actor e produtor Luis Tosar (Cospeito, Lugo, 1971) que cumpre vinte anos de carreira como intérprete.

Actor e produtor galego, comezou a realizar as súas primeiras interpretacións teatrais nos Maristas, onde estudaba. Na década dos 90, Tosar participou en numerosas curtametraxes antes de conseguir a popularidade en Galicia co seu protagonismo como xuíz na teleserie da TVG “Mareas Vivas”. En 1998 debutou no mundo da longametraxe participando na comedia “Atilano Presidente”, de Santiago Aguilar e Luis Guridi.

Gañador de 3 Goyas

En 2002, logo de ser nomeado ao Goya tres anos antes por “Flores de otro mundo” (1999), de Iciar Bollaín, acadaría o preciado galardón como mellor actor de reparto por “Los lunes al sol”, de Fernando León, película rodada en Galicia. Despois dos seus papeis en películas como “Trece campanadas” (2002), un filme de Xavier Villaverde, e “El lápiz del carpintero” (2003), de Antón Reixa, baseado na novela homónima de Manuel Rivas, Tosar viviu outro momento determinante na súa carreira coa súa interpretación dun marido maltratador en “Te doy mis ojos” (2003), de novo con Iciar Bollaín, e que lle supuxo gañar un novo Goya como mellor actor e a Concha de Prata en San Sebastián. Tres anos despois chega a Hollywood para intervir, co persoaxe de Montoya, na versión cinematográfica de “Corrupción en Miami”.

Mais o papel que o catapultou á fama sería o de Malamadre, o líder dunha revolta carcelaria que interpretou en “Celda 211” (2009), un filme dirixido por Daniel Monzón polo que gañou o seu terceiro Goya, esta vez como mellor actor protagonista. En 2010 estrea a película galega “18 comidas”, de Jorge Coira, producida pola súa empresa ZircoZine.

O seus últimos traballos son a comedia “Yucatán” (2018), a súa terceira colaboración co director e guionista Daniel Mozón; a comedia negra “Ola de crímenes” (2018) de Gracia Querejeta, e na pel dun policía na Barcelona dos anos 20 o thriller “La sombra de la ley” (2018), do galego Dani de la Torre.

A marxe do cine, Luis Tosar canta nun grupo de rock chamado Di Elas, que lidera xunto a Piti Sanz. En 2011 editaron o seu primeiro disco.